Preto de 500 persoas asisten á gran gala Operación Ordes celebrada na discoteca LP45

Instante da gala
Arredor de 500 persoas entre familiares, compañeiros de estudos, veciños e veciñas acudiron esta noite á discoteca LP45 para disfrutar da gran gala Operación Ordes. Unha cita na que máis de 100 alumnos dos centros académicos da comarca subiron ao escenario para dar conta das súas dotes musicais. Unha iniciativa que perseguía a promoción da lingua galega entre os máis xóvenes e na que participou activamente o equipo de normalización lingüistica do IES Nº1 de Ordes, ademais doutros membros do profesorado tanto deste centro como do IES Maruxa Mallo.
Os gañadores na modalidade que englobaba aos alumnos de Primaria ata 2º da ESO foron As Pandereteiras, do Maruxa Mallo. A interpretación do tema O Verdegaio supósolles o primeiro posto e alzarse co cheque de 200 euros. Os Falcatrueiros, formación composta por alumnos do IES Nº1 e do Castelao, e Twisted Brothers ocuparon os segundo e terceiro lugar respectivamente con cheques de 100 e 50 euros cada un deles. O primeiro premio para os alumnos a partir de 3º da ESO foi para o grupo Con Sentidiño, un dúo de hip hop composto por dúas rapazas que nesta ocasión foron as únicas que se atreveron cunha interpretación orixinal. Sheila Rodríguez e Alba Docampo alzaronse coa segunda e terceira posición. Todos eles recibiron os seus cheques, doados pola Asociación de Comerciantes de Ordes.
Pechando a gala, na que tamén quiso colaborar o Concello de Ordes, estivo Carlos Gende ‘Xerendal’, máximo expoñente galego de ragg e bix box.











