Preto de 150 persoas ateigaron o centro social polivalente no IX concerto de fin de curso da escola de música Magariños

Actuación de alumnos
Preto de 150 veciños e veciñas de Brión ateigaron esta fin de semana o auditorio do centro social polivalente de Pedrouzos para asistiren á novena edición do concerto de fin de curso dos alumnos e alumnas da escola municipal de música Magariños. Un concerto de algo máis de tres horas de duración e na que os rapaces brioneses fixeron un total de 65 actuacións, tanto a nivel individual como en grupo.
Polo escenario do centro social polivalente pasaron todos os alumnos matriculados na Escola Municipal de Música Magariños, dende os apuntados en Música e Movemento ata os que teñen un instrumento como especialidade. Así, ao longo desas tres horas, foron actuando numerosos rapaces nas modalidades de piano e guitarra, as máis solicitadas, así como frauta, saxofón, clarinete e trompa.
As intervencións finais, a cargo dos alumnos do Nivel III, incluíu a participación de numerosos duetos e tríos, así como a actuación da banda de música Magariños, composta por alumnos e alumnas de todos os niveis.











