Preséntase nos Tilos o libro “Universo Pitágoras”, da autora ceense Rocío Leira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

Este semana preséntase en Teo o libro, “Universo Pitágoras”, unha obra sobre as matemáticas dirixido a un público moi concreto, infantil e xuvenil. O mércores 19 ás 18:15 terá lugar a presentación no local da Asociación Cultural e Recreativa Os Tilos onde se fará un obradoiro lúdico e creativo con xogos de habilidade matemática para que os máis pequenos poidan “xogar” tamén coas matemáticas.

A autora desta obra é Rocío Leira, natural de Cee, doutora en matemáticas, mestra, e   escritora tamén de xeito vocacional. Na obra “Universo Pitágoras” conxúganse as súas paixóns, as matemáticas e a escritura. De feito Leira ten participado en numerosos concursos literarios e acadado tamén diferentes premios e recoñecementos.

Segundo explica a autora falando do seu primeiro libro publicado trátase dun texto no que se ofrece unha visión amena e divertida das matemáticas, para un lector activo que participe na propia obra. “Universo Pitágoras” fala dunha nena á que non lle gustan os números pero que se ve atrapada nun universo matemático. Para saír dalí terá que poñer a proba o seu enxeño e resolver enigmas, probas de lóxica… Algunhas desas probas seguramente as resolvan os nenos e nenas de Teo este mércores nos Tilos.

Esta presentación está organizada pola concellaría de Cultura do Concello de Teo e a Asociación Cultural e Recreativa Os Tilos.

17 de xuño de 2013 | 20:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.