Presentado o logotipo “Corre por Ferrol” que acompañará á carreira popular ruta da construción naval

Logotipo presentado
A concelleira de Deportes, Susana Martínez Galdós, presentou hoxe o logotipo “Corre por Ferrol” que acompañará a todas as carreiras que se organicen na cidade naval, que xa son un referente en toda Galicia. A proposta gráfica comezará o domingo 23 de xuño coa I Carreira Popular “Ruta da Construción Naval” que organiza o Club Corredores Populares da Armada e que conta co patrocinio e colaboración das Concellerías de Deportes e Turismo do Concello de Ferrol. No acto de presentación da proba, estivo acompañada polo presidente do Club Corredores Populares da Armada, Gumersindo López e o colaborador do equipo, Diego Ezquerro.
“Dende o Goberno municipal seguimos apostando pola Marca Ferrol e dende a área que eu dirixo queremos facer a nosa contribución coa presentación deste logotipo” sinalou a edil de Deportes. A primeira Carreira Popular “Ruta da Construción Naval” dará comezo ás 11:00 horas na Alameda do Cantón e percorrerá lugares tan emblemáticos da cidade coma o Porto, o Arsenal Militar, a factoría Navantia e o Cuartel de Dolores ao longo dun total de 10 quilómetros. Ao redor de 800 persoas participarán nesta proba que será unha xornada festiva de homenaxe a estes sectores claves do desenvolvemento da comarca. Os interesados en participar deberán formalizar a inscrición ata o 20 de xuño (inclusive) na páxina web: >www.championchipnorte.com e atoparán máis información en www.correrengalicia.org.
A edil de Deportes quixo agradecer á Autoridade Portuaria, Armada Española e Navantia todo o apoio para poder levar a bo porto esta primeira edición da carreira popular Ruta da Construción Naval. “Animo non só a corredores e deportistas senón a todo o mundo a que nos acompañe nesta xornada deportiva e tamén turística porque serán abertos espazos que normalmente está cerrados ao público” manifestou Susana Martínez. Así mesmo, este evento contará con inchables e xogos populares para os máis pequenos que estarán situados no Cantón. Ademais, como evento turístico, poderase visitar de maneira gratuíta o Museo Naval, Exponav e o Arsenal Militar.











