Presentación en Carballo do libro “Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez” de Carlos Callón

Carlos Callón durante a presentación
Onte 26 de Xuño ás 21 horas tivo lugar a presentación do libro de Carlos Callón editado por Xerais COMO FALAR E ESCRIBIR EN GALEGO CON CORRECCIÓN E FLUIDEZ.
Na presentación tomaron parte ademais do autor, o presidente de Queremos Galego Bergantiños, XOSÉ COTELO, e o secretario de Caldeirón, PACO SOUTO.
O libro ofrece consellos, de xeito desenfadado e anecdótico, para darmos o paso de usar o galego e para mellorarmos a nosa competencia lingüística, desbloqueando os prexuízos e medos aprendidos e asumindo que os problemas con que nos atopamos moitas veces non son de orixe gramatical, senón social. Trátase dun libro útil para un público diverso, interesado na lingua de noso, desde persoas que comezan a falala até estudantes de calquera nivel.
Carlos Callón (Ribeira, 1978) é profesor de lingua e literatura galegas e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. Recentemente ven de ser absolto nun xuizo surrealista por reclamar o uso do único topónimo legal da cidade de A CORUÑA.











