Presentación do libro Lembranza da Tecedeira na Aula de Cultura Ponte de Rosas en Gondomar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGondomarLocal
A-
A+

O Instituto de Estudos Miñoranos presenta o libro Lembranza da Tecedeira. Trátase dunha reprodución facsimilar do poema que Victoriano Taibo lle regalou, manuscrito con coidada caligrafía e presentación, ao seu amigo Juan Novás, e que finalmente pasou a incrementar os fondos da nosa institución grazas á xenerosidade de Antonio Valverde, a quen chegou a través dun fillo do agasallado. O facsímile vén acompañado por tres artigos de Antonio Valverde, Marta Dacosta e Miguel Anxo Mouriño, que, respectivamente, explica a historia do manuscrito, profunda no seu lirismo e valor simbólico e analiza o léxico empregado. E, tamén, por un cd que recolle o poema recitado por Anxo Angueira cun fondo musical composto para esta obra por Antón Seoane.

En todos os actos relacionados con Taibo, e tamén na publicación deste opúsculo, tiveron singular importancia a filla e o xenro do poeta, Gloria Taibo e Miguel Rodríguez. Este último deixounos sorpresivamente hai poucos meses e o IEM quere que esta presentación lle sirva de merecida homenaxe, homenaxe que recollerá, sobre todo, a intervención de Armando Requeixo quen traballou intensamente con el na publicación dos poemarios, inéditos ata entón, Avicedeo e Cabrinfollas. Marta Dacosta falará sobre o poema e Anxo Angueira recitarao acompañado pola música de Antón Seoane.

Estarán presentes a viúva e os fillos de Miguel, Ildara, Rubén e Fuco.

Será na Aula de Cultura Ponte de Rosas situada na avda da Feira nº 10, en Gondomar, o próximo martes día 25, ás 20:30 horas.

21 de xuño de 2013 | 18:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.