Positivo balance da Liña Verde en Gondomar
O pasado mes de maio, o Concello de Gondomar presentou o proxecto Liña Verde mediante o que, veciños e empresas do municipio, poden resolver as súas dúbidas ambientais a través dun servizo gratuíto, con axuda do teléfono ou directamente a través da web www.lineaverdegondomar.com.
Dende a súa presentación, e ata hoxe, foron moitos os que visitaron a Liña Verde Gondomar. En total, o servizo de xestión de incidencias, Liña Verde Gondomar recibiu un total de 18 incidencias nun mes. Por departamentos, Iluminación Pública e Residuos suman catro incidencias cada un, Vías e Obras, tres; Seguridade Cidadá e Tráfico, tres; Parques e Xardíns, unha; ao igual que Vandalismo, Medio e Animais Abandonados.
Destas incidencias recibidas, dez xa foron solucionadas, sete están en
proceso e unha foi denegada.
Juan Carlos González, concelleiro de Medio Ambiente e Servizos, valora “moi positivamente” a participación neste novo servizo que “está a facilitar a xestión en materia de medio e demais servizos”.
Liña Verde Gondomar
Este é un servizo gratuíto onde veciños e empresas poderán resolver todas as súas dúbidas relacionadas co medio, ademais de notificar as incidencias que detecten no seu municipio. Poderán facelo mediante dúas vías: a través da páxina web www.lineaverdegondomar.com; ou a través da aplicación gratuíta para móbiles Liña Verde. En menos de 24 horas, un grupo de expertos atenderán as preguntas e xestionarán as incidencias formuladas.
Ademais, Liña Verde Gondomar pon a disposición dos usuarios información moi útil en materia ambiental como ordenanzas, regulamentos, actualidade, preguntas frecuentes, eventos de interese, etc.
Liña Verde é un exemplo máis de como o Concello de Gondomar incorpora novos servizos para mellorar a súa atención ao cidadán e fomentar a súa participación e colaboración coa institución, ademais de reforzar a súa aposta polo medio.











