Ponte Caldelas solicita unha subvención á Xunta para instalar un sistema de videovixilancia no parque empresarial da Reigosa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPonte Caldelas
A-
A+

O Concello de Ponte Caldelas acaba de solicitar unha subvención económica á Consellería de Economía e Industria para a instalación dun sistema de videovixilancia no Parque Empresarial da Reigosa. Esta decisión foi comunicada polo alcalde Perfecto Rodríguez aos membros da Entidade de Conservación que representa os propietarios das 49 parcelas existentes.

Aínda que dende o inicio da súa actividade o Parque Empresarial da Reigosa conta con vixilancia nocturna sufragada pola Entidade de Conservación, os propietarios das empresas alí instaladas consideran importante dotar ao recinto dun servizo de videovixilancia co fin de disuadir e evitar roubos na zona.

Para levar a cabo este importante investimento, o Concello de Ponte Caldelas presentou un proxecto ante a Consellería de Economía e Industria co fin de lograr a colaboración económica da Xunta, sen a cal sería moi difícil a implantación deste sistema que xa opera en moitos parques empresariais de Galicia e España, así como en instalacións portuarias de administración autonómica. A Consellería de Economía e Industria publicou en maio unha orde de subvencións destinadas precisamente a investimentos nos parques empresariais, entre elas as relativas a melloras de seguridade.

Dende a posta en marcha do Parque Empresarial da Reigosa só houbo incidencias en materia de roubo de cableado eléctrico en agosto de 2010, e de mobiliario urbano como algunhas papeleiras e bancos en 2011 e 2012.

Dende a constitución en febreiro de 2012 da Entidade de Conseración del Parque Empresarial da Reigosa, integrada polos propietarios das 49 parcelas existentes, decidiuse contratar unha empresa de seguridade para a vixilancia nocturna, co fin de garantir a seguridade das instalacións e as empresas alí situadas.

O Concello e a Entidade de Conservación consideran que dotarse dun sistema de videovixilancia redundará na seguridade das empresas instaladas e tamén favorecerá a implantación de novos proxectos industriais ao poder garantirse así mellor a tranquilidade de operarios e de emprendedores.

Na actualidade das 49 parcelas existentes no Parque Empresarial da Reigosa, 23 están vendidas, das cales 13 contan con naves construídas e están a funcionar a pleno rendemento. Tamén consta no Concello a intención doutras empresas de iniciar de inmediato a súa actividade neste ano 2013 toda vez que presentaron un anteproxecto para iso.

15 CÁMARAS DE PROTECCIÓN DA PROPIEDADE INDUSTRIAL E INTELECTUAL

O proxecto presentado ante a Consellería de Economía e Industria prevé a instalación dun total de 15 cámaras repartidas polas distintas rúas que conforman o Parque Empresarial da Reigosa coa intención de salvagardar os intereses de empresas e bens de carácter público obxecto de roubos ou actuacións vandálicas.

O sistema que se quere implantar consta dun gravador dixital con capacidade de almacenamento de imaxes durante as 24 horas, que mostra os resultados nunha pantalla convencional. As cámaras estarían conectadas mediante fibra óptica, así como por vía Wifi co servidor de filmación para evitar posibles problemas no paso do cableado pola canalización existente.

A versatilidade do sistema posibilitaría, de forma inmediata, a recuperación dun arquivo de imaxes captadas polas cámaras, que filman en calquera soporte (DVD, CD-ROM ou en disco duro dun ordenador) o que permite o visionado dunha gravación realizada un día e unha hora concreta, de xeito sinxelo e ao instante.

NINGUNHA CÁMARA PODERÁ VIOLAR A INTIMIDADE DAS PERSOAS

As imaxes captadas polas cámaras serán visualizadas en “streaming” e en tempo real nos ordenadores do cuarto de operadores de seguridade por medio dunha páxina web e o sistema rexistra automaticamente as entradas e saídas de vehículos de calquera tipo (coches patrulla motos, grúas, etc.) evitando que unha persoa estea dedicada a esa función case en exclusiva durante as 24 horas do día.

Por outra parte, o sistema prevé explicitamente que non se colocará ningunha cámara de vídeo en ningún lugar que poida violar a intimidade das persoas en ningunha das súas facetas, laboral ou particular. Ademais, a zona irá perfectamente identificada con sinais que advirtan as persoas que poden ser filmadas ao estar en zona de videovixilancia e o servizo estará debidamente supervisado pola LOPD e o Rexistro Xeral de Protección de Datos da Axencia Española de Protección de Datos.

10 de xuño de 2013 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.