Ponte Caldelas convértese nunha aula permanente da natureza para escolares de toda Galicia
Alumnos e profesores do Colexio Losada, de Vigo, protagonizaron esta mañá unha xornada de convivencia escolar en contacto coa natureza a través dunha pequena excursión polas marxes do río Verdugo ao seu paso por Ponte Caldelas.
A intención dos profesores é que os nenos coñezan a flora e a fauna fluvial ao tempo que se familiarizan coa convivencia entre compañeiros. Esta clase, en contacto directo coa natureza e fóra do recinto escolar, discorreu polo paseo da Calzada, entre a área recreativa e a pasarela de madeira sobre o río.
Os escolares apreciaron a beleza do río, o bo estado do paseo fluvial e dos elementos que compoñen a área recreativa da Calzada, con xogos infantís, cancha de voleibol e mesa de tenis, así como o parque biosaludable, mesas, bancos e asadores alí situados.
Os nenos recolleron follas de árbores que poboan as marxes do río e comprobaron as diferenzas entre as distintas especies. As troitas que poboan o río Verdugo, no seu tramo de pesca sen morte, levantaron a expectación dos escolares que ían descubrindo ao seu paso os distintos exemplares que viven neste hábitat natural de entrañable valor.
Tamén pararon ante o Monumento ao Pescador e observaron que, a pesar de contar cun xardín de plantas e flores de tempada e bancos para poder descansar, continúa sen o arco e a punteira final da súa cana, tras ser vítima da acción do vandalismo.











