Perfecto Rodríguez leva á Xunta de Goberno Local a solicitude de subvención para o proxecto de humanización da avenida de Vigo
A Xunta de Goberno Local del Concello de Ponte Caldelas, que preside o Alcalde Perfecto Rodríguez, decidiu tramitar a petición de subvención para o proxecto de humanización da Avenida de Vigo e o seu ámbito que conta cun presuposto de execución de 93.704,78 € e co que se pretende mellorar o aspecto urbano e dinamizar o comercio local existente na zona.
A intención do Alcalde Perfecto Rodríguez é supeditar este investimento á concesión da subvención do 75% que a Consellería de Economía e Industria podería achegar en virtude dunha serie de axudas, que acaba de publicar a Xunta no DOG, tendentes a revitalizar o comercio de proximidade, a través de Fondos Feder, da Unión Europea.
Xa en previsión de poder acollerse a esta liña de subvencións, o Alcalde Perfecto Rodríguez anunciou no último Pleno que a modificación puntual de partidas para obras, que se aprobou coa abstención da oposición, sería para destinar, entre outras cuestións, a dotar de contido económico as obrigas que asumiría en Concello en actuacións como as que agora se formulan. De concederse a subvención, a achega municipal a esta obra sería de 23.400 €.
MODERNIZACIÓN, ACCESIBILIDADE E POSTA EN VALOR DO COMERCIO LOCAL
O proxecto que están a elaborar os técnicos municipais vai encamiñado á humanización da Avenida de Vigo coa mellora na accesibilidade e a seguridade vial, coa construción de pasos de peóns elevados, melloras nas beirarrúas existentes, dotación de mobiliario urbano e novos farois similares ás instaladas no resto da zona urbana; incorporando o ámbito do parque infantil ao proceso de modernización levado a cabo nesta rúa e noutras zonas comerciais da vila de Ponte Caldelas. Así se actuaría tamén nas beirarrúas da R/ Rosalía de Castro e dunha parte de Concepción Areal.
Na Avenida de Vigo existe unha demanda de mellora por parte dos comerciantes alí establecidos e veciños. Dáse tamén a circunstancia que existe unha galería comercial que comunica este vial urbano co parque infantil e as inmediacións do centro escolar Cordo Boullosa. En total hai máis de 25 locais e establecementos comerciais nesa zona.
A intervención que se persegue encaixa perfectamente na liña de subvencións da Consellería de Economía e Industria publicada no DOG, na que se recolle, de xeito expreso, como accións subvencionables as actuacións en rúas ou zonas peonís ou comerciais en municipios de ata 75.000 habitantes, en concreto as derivadas de proxectos de creación, modificación e mellora de rúas e zonas comerciais. Con iso preténdese potenciar a actividade do comercio de proximidade en momentos de dificultade como consecuencia da crise económica que afecta, de xeito especial a estes establecementos.
Perfecto Rodríguez manifestou que “nestes momentos de especial dificultade, estamos intentado xerar sinerxías con outras administracións co fin de conseguir o máximo de investimentos no noso municipio co menor custo posible para as arcas municipais. Esta obra na Avenida de Vigo é unha vella aspiración que, se logramos o concurso da Consellería de Economía e Industria, que esperemos se faga cargo do 75% do seu custo, poderemos acometer a humanización desta rúa, integrala co resto da vila favorecer as demandas do comercio local e dos residentes nesta zona. En anos anteriores fixemos actuacións similares noutras zonas da vila”.











