Paz Pérez anuncia que en xullo se pon en marcha a campaña de recollida de mobles e electrodomésticos usados
A concelleira de Benestar e Emigración, Paz Pérez, informa que “durante o mes de xullo estará aberta unha campaña para a recollida de mobles e electrodomésticos usados para as dúas vivendas cedidas por Framiñán de xeito gratuíto durante dous anos para destinalas a uso de colectivos en risco de exclusión social, ao abeiro do convenio asinado entre Concello e Framiñán Grupo Inmobiliario”. Hai que lembrar que a entrega das chaves ás dúas familias que resultaron adxudicatarias das ditas vivendas (con cociña amoblada) de acordo aos requisitos establecidos nas bases, se fará o próximo mes de setembro.
Paz Pérez explica que “as persoas interesadas en doar o mobiliario ou útiles poden poñerse en contacto cos servizos sociais municipais do Concello de Lalín ou no teléfono 986780014, para coordinar a recollida no propio domicilio das persoas doadoras”. “Precísanse camas, mesiñas de noite e coquetas, sillas, mesas, sofás; en definitiva todo tipo de útiles e electrodomésticos imprescindibles para entrar a vivir nestes dous pisos cedidos por Framiñán”, sinala.
DESVÁN MUNICIPAL
Por outra parte, a responsable municipal agradece “a aquelas persoas que durante estes últimos meses levan colaborando coa doazón tanto de roupa como de mobiliario no Desván Municipal”. “Desde os servizos sociais séguense a recibir peticións de familias sen recursos económicos con demanda de mobiliario e electrodométicos (microondas, neveiras, roupeiros, etc.) e roupa, sobre todo de nenos a partires dos seis anos e calzado”, remarca.











