Parabéns ás xogadoras e á afección do Poio Pescamar polo recente ascenso á primeira división estatal de fútbol sala

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesPontevedraProvincias
A-
A+
Recepción ás xogadoras do Poio Pescamar

Recepción ás xogadoras do Poio Pescamar

A Deputación de Pontevedra quixo darlle esta mañá os parabéns a todo o equipo feminino do Poio Pescamar de fútbol sala tras o seu ascenso á primeira división estatal.

Fíxoo nunha recepción ofrecida no salón de plenos polas deputadas Begoña Estévez e Ana Isabel Vázquez que destacaron o “dobre mérito” das xogadoras, que non só conseguiron situarse na máxima categoría estatal, senón que, ademais, o fan nun deporte  tradicionalmente masculino.

As deputadas salientaron que é “unha grande alegría” para a provincia contar cun club coma o Poio Pescamar e valoraron “o traballo de equipo” feito en toda esta temporada. Un traballo que, aseguraron, “é das xogadoras e de todos”, tamén dunha “afección entregada” que non dubidou en encher autobuses e “facer horas e horas de viaxe” para acompañar ó seu equipo na final, igual que fixeran nos anteriores partidos.

A xeito de anécdota, a deputada Begoña Estévez referiuse ás propias palabras das xogadoras do Pescamar que lembraron como en Barcelona ironizaban con que “vamos a asar el poyo”, ” e ao final foi o Poio quen as asou”.
O Poio Pescamar fixo realidade o soño que leva perseguindo desde a súa fundación hai máis de 15 anos, ó ascender á primeira división despois de gañar por 0-2 ó Rubí, en Barcelona.

As xogadoras destacaron que foi unha “temporada complicada” mais que, despois do éxito logrado, toca “gozar desta nova etapa”, no club dos mellores equipos de fútbol sala feminino a nivel estatal.

A Deputación quixo deixar constancia do seu recoñecemento polo traballo feito, entregándolle ao club unha placa conmemorativa, ademais de equipamento de viaxe para cada xogadora. Pola súa banda, o equipo fíxolle entrega á Deputación dunha camisola asinada por todas as xogadoras.

O Poio Pescamar, fundado no ano 1997, foi un dos pioneiros na práctica do fútbol sala feminino e agora convértese nun referente desta modalidade deportiva para alén das nosas fronteiras.

Nesta liña, as deputadas cualificaron de “satisfacción e orgullo” poder contar cun equipo que leve o nome da provincia e de Poio por toda España na máxima categoría do fútbol sala.

4 de xuño de 2013 | 18:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.