Ourense volta á epoca medieval con 70 postos de artesanía e gastronomía, espectáculos musicais, lúdicos e exposicións
Unha das actividades máis agardadas do programa das Festas de Ourense deu comezo esta mañá no Casco Histórico da cidade. O Mercado Medieval xa está presente nas rúas Santa Eufemia, rúa das Tendas, Praza Maior, rúa Bailén, Praza de San Marcial, rúa Colón, e rúa Pelaio, entre outras, coa instalación de postos de artesanía e gastronomía, así como espectáculos musicais e lúdicos que amenizarán aos cidadáns ao seu paso polo mercado.
O alcalde, Agustín Fernández, e a concelleira de Cultura, Ana Garrido, realizaron un percorrido polos postos, que ofrecen desde xoguetes de madeira, xoiería artesanal, cosmética natural ou aromaterapia, ata cecina de León, queixo manchego, froitos secos ou pan do País Vasco.
Dentro da programación, actuarán dous grupos de música -un árabe andalusi e outro celta portugués-, e personaxes da época, como “Fauno”, “Duende”, “Carro de Matasanos” e “Crispin de Olot”. Os espazos lúdicos incluirán unha ludoteca musical, un tiovivo e mesas con xogos de inxenio.
Ao longo do mercado serán recreados oficios medievais -alambique, resinero, trilero, tintorero, lanero…- e campamentos militares coa mostra da vida cotidiana de dous soldados árabes e dous soldados cristiáns, que realizarán combates, charlas, e exposicións das súas armas.











