Ourense prorroga por 5 anos a concesión do matadeiro, fixando un canon adicional de 4.644,34 euros ao mes á empresa concesionaria
O Concello de Ourense prorrogará por 5 anos o contrato de xestión do matadeiro municipal fixando un canon adicional de 4.644,33 euros ao mes á empresa que presta actualmente o servizo, Matadero Ourense S.L. A Xunta de Goberno Local acordou na súa xuntanza desta mañá aprobar este acordo, á vista dos informes realizados polos servizos xurídicos e económicos do Concello, favorables a conceder a prórroga, fixando un canon adicional á empresa para manter o equilibrio económico do contrato.
O acordo da Xunta de Goberno supón así estimar o recurso presentado por Matadero Ourense S.L. contra o acordo aprobado pola Xunta de Goberno Local de 4 de decembro de 2012 que declarara que non había lugar á concesión da prórroga automática do contrato por 5 anos que solicitara a concesionaria.
O Concello fundamentara aquela decisión no feito de que a prórroga automática do contrato proposta pola empresa, dende o punto de vista da oferta económica ao Concello, non resultaba suficiente para manter o equilibrio económico do contrato.
A empresa recurriu este acordo municipal e presentou unha mellor oferta ao Concello, na que propoñía abonar un canon de 110.000 euros en 5 anos. Estudiada a oferta polos servizos municipais, o informe xurídico foi favorable, pero o informe do Órgano de Xestión Económica e Orzamentaria do Concello concluíu que a oferta non era suficiente, e que se debería establecer á empresa un canon adicional de 4.644,33 euros ao mes.
A vista dambos informes, a Xunta de Goberno Local acordou esta mañá prorrogar o contrato de xestión deste servizo público por 5 anos mantendo o equilibrio económico do contrato nos termos que expresa o informe económico e, en consecuencia, fixar un canon adicional ao actual de 4.644,33 euros/mes.











