publicidade hoxe

Os veciños ensinan as súas mellores creacións culturais no xardín botánico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal
A-
A+

Os veciños participantes nas escolas culturais do Concello de Culleredo serán os protagonistas da próxima exposición que acolle o xardín botánico do Burgo. O goberno de Culleredo abre mañá, venres 21 de xuño, unha mostra que recollerá as obras realizadas en varias das actividades municipais en marcha dende o mes de outubro.

Serán catro os ámbitos que abranga a exposición:

– Confección industrial: con dous grupos, un no Burgo e outro en Vilaboa, os participantes ensinarán a roupa que crearon. Poderanse ver pezas diversas, como vestidos ou chaquetas.

– Fotografía dixital: a vintena de adultos participantes mostrarán algunhas das súas fotografías.

– Óleo: os compoñentes da Aula Municipal de Óleo terán a oportunidade de difundir os seus cadros

– Debuxo e pintura: actividade infantil, de 4 a 12 anos de idade. Os pequenos ensinarán as súas creacións, moi variadas.

A exposición será inaugurada mañá ás 20.00 horas na Aula de Natureza do xardín botánico do Burgo. Poderase visitar ata o 10 de xullo, en horario de luns a sábado, de 18.00 a 21.00 horas, e os sábados tamén pola mañá de 11.00 a 13.00 horas.

“Non serán artistas profesionais, pero tamén merecen un espazo para difundir ás súas creacións”, afirma Alicia Ferreiro, concelleira de Cultura. A edila anima os veciños a acudir á mostra para que poidan sorprenderse coas propostas culturais dos participantes e así tamén coñecer a actividade das escolas municipais.

Ademais, desta mostra, o Concello programa outra actividade para dar a coñecer, neste caso, o traballo dos participantes noutras actividades que non se pode ensinar mediante unha exposición. Será o caso das escolas de gaita, guitarra, ou baile moderno e contemporáneo.

O próximo xoves 27 de xuño, ás 19.00 horas, os participantes ofrecerán exhibicións. Será no Edificio de Servizos Múltiples do Burgo.

20 de xuño de 2013 | 18:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.