Os veciños de Ponte Caldelas deberán limpar de maleza os terreos situados en núcleos de poboación do municipio e franxa de 50 m.
O Concello de Ponte Caldelas acaba de facer público un bando de ornato e limpeza no que se informa aos propietarios de terreos lindantes con vías públicas e camiños veciñais da obriga que teñen de proceder a realizar a curta e recollida de silveiras, maleza e outros elementos que imposibilitan o normal tránsito de peóns e vehículos, co conseguinte perigo para a seguridade vial que isto ocasiona.
Tamén por motivos de seguridade, o Concello de Ponte Caldelas recorda que, co fin de evitar riscos de incendio, se recorda a obriga de limpar a maleza e matogueira de todos os terreos situados en núcleos de poboación do municipio e franxa de 50 metros arredor dos mesmo, tal e como se recolle na normativa vixente.
No propio bando advírteselles, así mesmo, que quedan obrigados a retirar o produto da curta, deixando o camiño, estrada ou sendeiro correspondente en perfectas condicións de limpeza, así como presas de auga.
A Alcaldía recorda aos veciños de Ponte Caldelas que de facer caso omiso desta recomendación, ou producir calquera anomalía que poida prexudicar os intereses comunitarios, se procederá á imposición das correspondentes sancións aos infractores.
TELÉFONO PARA CASOS DE AVERIAS EN SERVIZOS MUNICIPAIS
Por outra parte, o Concello de Ponte Caldelas recorda aos veciños que existe un servizo de atención cidadá a través dun teléfono móbil co fin de que calquera veciño que detecte unha avaría ou mal funcionamento na subministración de auga, rede de sumidoiros, recollida de lixo e demais servizos de competencia municipal poida dar o aviso correspondente. O teléfono móbil 606 94 79 46.
O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, editou un bando a través do cal se informa das características e tipos de emerxencias que atenderá este servizo. Así mesmo, no bando inclúense os números de teléfono ao que deben chamar en caso de detectar un incendio forestal (085) ou para calquera emerxencia que se formule (112).
Segundo Perfecto Rodríguez, a intención do Concello é achegar ao cidadán un medio rápido e eficaz para detectar e corrixir de inmediato emerxencias de índole municipal, ao tempo que se atende e melloran os servizos que presta ao administrado.
PERMISOS PARA AS CACHARELAS DE SAN XOÁN E SAN PEDRO
Finalmente, o Concello de Ponte Caldelas informa que con motivo da festividade de San Xoán e San Pedro, os próximos días 24 e 29 de xuño, aqueles veciños que decidan realizar a tradicional cacharela deberán solicitar o pertinente permiso, antes do luns 17 de xuño, nas oficinas municipais situadas na Casa do concello.
Así mesmo, indican que se só concederanse os permisos para as cacharelas tradicionais, de conformidade co establecido na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia.











