Os nenos e nenas do colexio público de San Sadurniño descubrirán este martes os segredos da reciclaxe de aceite
No marco dos actos co gallo do Día mundial do Medio ambiente, o Concello e mailo CPI de San Sadurniño organizaron unha charla a cargo de Manuel Dopico, quen contará a súa experiencia persoal na fabricación de biodiésel a partir de aceite de fritidura reciclado. Ademais, o colexio público tamén ten convocado un concurso fotográfico relacionado coa natureza.
A charla, que terá lugar este martes a partir das 11 da mañá na casa da Cultura, vai orientada aos nenos e nenas de 3º e 4º da ESO do CPI, pero está aberta a calquera persoa interesada no tema ata completar o aforo do auditorio.
Manuel Dopico leva anos reciclando aceite de fritiduras para convertelo en combustible para o seu vehículo. Un proceso baseado na filtraxe e decantación dos aceites e graxas que lle serve para conseguir un derivado susceptible de empregarse en motores de combustión diésel, sobre todo nos máis antigos. De feito, o biodiésel caseiro funciona perfectamente en motores de gasóleo atmosféricos, é dicir, aqueles que non teñen nin turbo nin xestión electrónica da alimentación.
Os principais beneficios son varios: reutilízase un residuo de forma moi barata -custa pouco producilo e supón un importante aforro en gasóleo-, o motor non perde prestacións nin se desgasta máis, e, por último, báixase a emisión de gases contaminantes á atmosfera xa que se trata dun produto de orixe vexetal que desprende ao queimarse un CO2 idéntico ao que producen as plantas durante a fotosíntese.
Xunto coa charla de Manuel Dopico, o CPI tamén organizou en colaboración co Concello un concurso fotográfico para reflectir a riqueza vexetal do noso territorio. Os nenos de infantil, primaria e secundaria participan en cadansúa categoría no certame “Ríos, regatos e fontes” co aliciente de obter como premio árbores froiteiras coas que contribuír á súa vez á preservación do patrimonio vexetal autóctono. Os premios decidiranse o mércores -Día Mundial do Medio ambiente- e entregaranse durante o festival de fin de curso.











