Os maiores interesados en participar no programa de turismo social do Imserso xa poden solicitar praza
A Área de Persoas Maiores da Concellería de Traballo e Benestar informar de que xa está aberto o prazo de solicitude de praza para participar no programa de Turismo Social do Imserso para a temporada 2013/14. Como en edicións anteriores, os maiores poderán optar a tres tipos diferentes de viaxes: estancias en zonas costeira para descanso e relax, circuítos culturais para coñecer a historia e a arte de España e turismo de natureza por paraxes pintorescos. Os interesados poden recoller os formularios nas dependencias de Maiores do Concello ou imprimir da web www.imserso.es. O primeiro prazo de reserva finaliza o 12 de xullo.
Os destinos que se ofertan este ano para as vacacións na praia son Andalucía, Cataluña, Murcia e a Comunidade Valenciana, ademais das illas Baleares e Canarias. En todos eles ofrécese a oprtunidade de elixir as estancias con ou sen trasporte, reducíndose o prezo no caso de que os beneficiarios opten por trasladarse pola súa conta. A duración das estancias oscila entre os 8, 10 e 15 días e os prezos por persoa oscilan entre os 121,41 e os 582,41 euros por persoa en función do destino elixido, a duración das estadías, do transporte e de si se fai a viaxe en temporada alta ou baixa.
Os circuítos culturais terán unha duración de 6 días e 5 noites e o prezo único (incluído transporte) é de 237,92 euros por persoa. No caso do turismo de natureza, a duración é de 5 días e 4 noites e o prezo é de 233,32 euros.
Con estes prezos, o programa de Turismo Social do Imserso inclúe viaxes de ida e volta no medio de transporte programado dende a respectiva capital de provincia (excepto na modalidade sen transporte), aloxamento en réxime de pensión completa en habitación dobre a compartir. No caso de eelixir habitación individual, o beneficiario deberá aboar un suplemento. O programa tamén inclúe póliza de colectiva de seguros, servizo médico complementario da seguridade Social no propio hotel (excepto nos circuítos culturais e de natureza) e programa de animación no programa de praias.
Para poder acceder optar ás prazas do Programa de Turismo Social para Maiores débense cumprir os requisito de ter cumpridos os 65 anos, ser pensionista de xubilación do Sistema Público de Pensións, ser pensionista de viuvez con idade igual ou superior ós 55 anos, ser pensionista de invalidez, outras pensións ou prexubilacións, e ter os 60 anos cumpridos.
Se o solicitante viaxa co seu cónxuxe, non é preciso que este reúna os requisitos de idade e pensión. Ademais, admitirase como acompañante a un fillo ou filla con discapacidade, cun grao igual ou superior ao 45%, sempre que o viaxe o realice cos seus pais e ocupe cama supletoria na mesma. En todo caso, deberá valerse por si mesmo e non padecer alteracións de comportamento que impidan a normal convivencia nos hoteis. Non obstante, advírtese que os hoteis e transportes previstos no programa do Imserso non son adaptados.











