Os Encontros de Salimat acolleron máis de 1.000 reunións entre 19 compradores alimentarios de 10 países e empresas presentes

Encontros de Salimat
O 17º Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat 2013, o cal se celebra de forma paralela á Semana Verde de Galicia dende onte e ata o domingo, acolleu nos seus Encontros Internacionais e Nacionais de Compradores máis de 1.000 reunións de negocio, as cales supuxeron un 233% máis que na pasada edición, cando se realizaron 300.
Estas reunións tiveron lugar entre a oferta alimentaria presente na área expositiva do certame e 19 importadores e distribuidores de 10 países de gran interese para a nosa oferta alimentaria, como son Alemaña, Brasil, Dinamarca, EE.UU, Francia, Holanda, Reino Unido, Rusia, Xapón e España.
Mediante reunións axendas en función dos intereses de ambas partes, as empresas participantes no salón puideron mostrar directamente as súas propostas a estes compradores e explicarlle as súas vantaxes e singularidades, supoñendo unha oportunidade única para abrir novos mercados.
Os produtos con maior interese para os importadores e distribuidores participantes foron os viños e aceites con Denominación de Orixe, queixos, cárnicos elaborados, conservas, mel, produtos de panadería e pastelería, froitos secos e alimentos ecolóxicos en xeral.
Unha vintena de intérpretes e varios membros do cadro de persoal da Fundación Semana Verde de Galicia asistiron ás empresas e aos compradores durante a celebración destes Encontros de Negocio, os cales tivo lugar onte e hoxe pola mañá.
Visitas asesoradas
No seu obxectivo de potenciar a xeración de negocio, Salimat organizou tamén reunións entre as empresas expositoras e numerosos axentes do sector alimentario e gastronómico, como distribuidores ou tendas especializadas. Así, realizáronse visitas asesoradas, as cales consistiron en facilitarlles a estes profesionais e empresas toda a información relativa aos expositores que resultaron do seu interese, así como axudar a localizalos na feira e coordinar reunións con eles.











