Os concellos de Ferrol e Vila do Conde recuperan os actos institucionais de irmandade

Acto de irmandamento
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presidiu hoxe os actos institucionais conmemorativos do 40 aniversario da irmandade entre Ferrol e Vila do Conde. O primeiro edil da cidade recibiu ás 13.00 horas na Casa Consistorial a unha delegación da Cámara Municipal da localidade portuguesa formada polos concelleiros Jose Aulerio Baptista e Sara Lobao. Na cerimonia, que se desenvolveu no Salón de Recepcións, tamén participou a agrupación musical Rancho da Praça, que interpretou o himno das Rendilheiras, e o Real Coro Toxos e Froles, que pechou o acto co himno de Galicia.
Na súa intervención, Rey Varela manifestou o seu desexo de “revitalizar e dar a esta irmandade o verdadeiro valor que debe ter”, e cuxa orixe se remonta a maio de 1973. “Hoxe queremos, como representantes de Ferrol e Vila do Conde, queremos deixar constancia do noso desexo de manter viva a relación entre os dous pobos e de recuperar o espírito de irmandade que nos une”, manifestou o rexedor ferrolán. Neste sentido, Rey Varela agradeceu, especialmente, o interese por vir a Ferrol manifestado por parte dos membros da Cámara de Vila do Conde coincidindo coa celebración no seu municipio da festividade do Corpus, data na que as rúas da vila portuguesa énchense de tapetes de flores.
Ademais, o alcalde avogou por “seguir profundando no estreitamento das relacións entre ambos concellos, a partir do coñecemento mutuo, do intercambio e da colaboración, xa que esta maior relación non pode máis que dar froitos positivos”. Ao fío disto, Rey Varela destacou que “Ferrol e Vila do Conde formamos parte dunha mesma realidade, a do Eixe Atlántico”, engadindo que “como cidade membros desta asociación de municipios debemos seguir traballando para seren partícipes das oportunidades de desenvolvemento que se nos presenten e aproveitar a eliminación de fronteiras que trouxo a integración europea”. “Porque xa non somos a periferia do centro, senón o centro da periferia”. Por último, Rey Varela significouse a favor de continuar “cultivando as relacións e a amizade que dende hai xa 40 anos existen entre Ferrol e Vila do Conde”.











