Os concellos da Laracha e Arteixo presentan á Xunta un proxecto conxunto de obradoiro de emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaArteixoLocalLocal Portada
A-
A+

Os Concellos da Laracha e de Arteixo promoven un proxecto en común que se presentará á Xunta de Galicia e que ten por finalidade a organización e desenvolvemento do obradoiro de emprego denominado “A Laracha-Arteixo: Colaborando polo emprego” que se financiaría con cargo á liña de subvencións convocadas pola Consellería de Traballo e Benestar e publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) número 93 do pasado día 16 de maio.

A solicitude desta subvencións require do acordo da Xunta de Goberno Local da Laracha que se tomará na sesión ordinaria desde luns. Precisamente consensuouse que o Concello da Laracha liderase o proxecto debido á súa maior experiencia na organización e xestión de obradoiros de emprego. O éxito dos realizados nos últimos anos foi recoñecido mesmo polos técnicos da propia Consellería de Traballo e Benestar.

O obradoiro “A Laracha-Arteixo: Colaborando polo emprego” foi deseñado como un innovador programa mixto de formación e emprego dirixido a mellorar a ocupabilidade de persoas que se atopan sen traballo e que teñan dezaoito ou máis anos de idade, ás que se lles ofrecería a posibilidade de aprender un oficio e recibir o correspondente certificado de profesionalidade necesario para a súa futura inserción no mercado laboral.

O programa proposto ten unha duración de seis meses e un orzamento total de 478.000 euros. No caso de obter o financiamento por parte da Consellería de Traballo e Benestar, poríanse en marcha tres obradoiros de formación en especialidades nas que existe unha demanda real de emprego no mercado laboral público e privado, tales como o montaxe e mantemento de instalacións solares térmicas, a atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e a dinamización de actividades educativas de tempo libre para o público infantil e xuvenil. Ademais, os alumnos-traballadores percibirían unha formación complementaria en aspectos como competencias clave, informática, prevención de riscos laborais e sensibilización medioambiental e de igualdade de xénero.

En cada unha das especialidades serían formadas 15 persoas para alcanzar un total de 45 alumnos-traballadores que, durante os seis meses nos que se desenvolva o obradoiro, serían a todos os efectos empregados municipais cun contrato de formación, percibindo o seu correspondente salario. O equipo directivo, persoal docente e grupo de apoio estaría formado por un número de profesionais aínda por determinar.

A petición conxunta dos Concellos da Laracha e Arteixo do obradoiro Colaborando polo emprego posibilitará, tal e como establecen as bases da convocatoria, incrementar as posibilidades de acceder ás subvencións da Consellería de Traballo e Benestar para o desenvolvemento deste tipo de proxectos. Esta cooperación entre os gobernos locais de ambos municipios xa posibilitara, recentemente, a elaboración doutro proxecto común sobre aforro enerxético que foi presentado ao Inega no pasado mes de abril.

15 de xuño de 2013 | 18:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.