Os clubs deportivos de Pontevedra recibiron en 2013 axudas da Deputación por máis de 500.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesPontevedraProvincias
A-
A+

A Deputación de Pontevedra destinou no que vai de ano un total de 500.000 euros a apoiar a actividade deportiva no Concello de Pontevedra, unhas achegas que beneficiaron a unha trintena de entidades e que contribuíron á promoción do deporte nesta cidade.

Representantes de varias destas entidades reuníronse esta mañá coas deputadas Ana Isabel Vázquez e Begoña Estévez na Sala de Xuntas do Pazo Provincial, onde 13 delas recibiron as resolucións que confirman a concesión de subvencións para diferentes actividades deportivas, por un importe de 95.752,5 euros.

Ó acto acudiron tamén 18 dos 30 deportistas que van a participar proximamente no Campionato de Europa de Piragüismo, ós que as deputadas lles deron os parabéns por estaren presentes nesta competición. Afirmaron, ademais, que eles tamén se van beneficiar das achegas da Deputación, dado que esta mesma mañá a Federación Galega de Piragüismo percibiu unha achega de 10.000 euros.

Tamén recolleron as súas axudas esta mañá o Club Baloncesto Arxil, o Club Piragüismo Verducido-Pontillón, o Mareantes Rugby Club, o Club Natación Galaico, o Pontevedra Rugby Club, o Club Galaico Sincro, o Club Leis 26 Fútbol Sala, a Escudaría Pontevedra, o Club Balonmán Cisne, o Club Squash Pontevedra e o Club de Tenis de Mesa Monteporreiro.

Apoio fundamental

Deputadas e representantes dos clubs coincidiron en destacar a relevancia das achegas que a Administración provincial está facendo ó deporte na provincia e, concretamente, na cidade de Pontevedra. Neste senso, os responsables das entidades deportivas subliñaron que, nun momento no que escasean os patrocinios e moitas administracións rebaixaron ou eliminaron as achegas ao deporte, é fundamental para a súa supervivencia a axuda que está a achegar a Deputación que, tal e como recordaron as deputadas, non só mantén en plena crise o orzamento destinado a subvencións ao deporte, senón que incluso incrementou a súa participación en eventos deportivos.

Así, ademais dos 500.000 euros que a Administración Provincial destinou a subvencións tanto para deporte federado como para actividades deportivas e axudas directas a clubs, hai que sumar o investimento realizado na construción de novas infraestruturas e na mellora das existentes.

Entre os investimentos que se están a realizar este ano no Concello de Pontevedra destaca a reforma do pavillón do Centro Príncipe Felipe, no que se están a investir 241.423 euros, ou a construción dun novo campo de fútbol de herba sintética neste mesmo Centro, cun orzamento de 558.226,08 euros.

12 de xuño de 2013 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.