Os campamentos de verán que organiza o Concello comezarán o luns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

Os campamentos de verán que, como cada ano, organiza o Concello da Laracha comezarán a desenvolverse o luns co inicio da primeira quenda, na que participarán cincuenta nenos de idades comprendidas entre os oito e os once anos.

Durante cinco días, de luns a venres, os rapaces convivirán con compañeiros do seu mesmo grupo de idade e realizarán divertidas actividades deportivas, culturais e educativas que se desenvolverán, a maioría delas, na vila de Caión, tanto na praia como en instalacións municipais. O programa inclúe unha escola de surf, aeróbic, olimpiadas, sendeirismo e tamén dúas saídas ao parque acuático de Cerceda e ao municipio de Begonte para realizar unha xornada multiaventura.

Cada día o autobús cos rapaces e monitores sairá da praza do Concello ás 10.00 horas e regresará en torno ás 18.00 horas. O Concello asume os custos do transporte, o xantar (que terá lugar no centro sociocultural da Ínsua) e todas as actividades que se leven a cabo no termo municipal da Laracha.

Todos os anos o Concello aposta por celebrar estes campamentos de verán aproveitando as instalacións municipais existentes en Caión e as características da vila, que permiten organizar un amplo abano de actividades nesta época do ano. Ademais de ofrecer ao nenos a posibilidade de divertirse practicando deporte e realizando actividades de tipo educativo, os campamentos son tamén unha importante axuda para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar dos pais durante as vacacións dos seus fillos.

Os datos de participación son a mostra evidente do éxito desta iniciativa municipal, xa que se cubriron a totalidade das prazas dispoñibles tanto para esta quenda como para a da semana seguinte, dirixida neste caso a nenos de doce a quince anos de idade. En total participarán cen nenos, cincuenta en cada semana.

Os campamentos de verán de Caión abren o programa de actividades de verán que organiza o Concello da Laracha. O prazo de inscrición continúa aberto nas outras disciplinas que se ofertan. Hai propostas especialmente dirixidas aos nenos para case todos os días dos meses de xullo e agosto.

29 de xuño de 2013 | 13:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.