Os beneficios do aproveitamento do Porco Celta no monte galego e as virtudes da Galiña de Mos serán analizados na Semana Verde 2013

Mostra de porco celta na edición anterior
As razas autóctonas galegas en perigo de extinción terán un gran protagonismo na área gandeira da 36ª Semana Verde de Galicia, a cal se celebrará do 13 ao 16 de xuño no recinto Feira Internacional de Galicia. Así, serán o eixo central dun completo programa que se celebrará durante os catro días deste gran certame multisectorial de mostras e ocio, e que contará con apoio do Feader (Fondo Europeo Agrícola de Desarrollo Rural).
Dentro deste programa, organizado pola Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga), levaranse a cabo diversas actividades centradas no Porco Celta. Así, celebrarase unha xornada centrada nos “Efectos e beneficios do aproveitamento do Porco Celta no monte veciñal galego”. O encargado de dalos a coñecer será José Antonio Carril González-Barros, director técnico da Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (Asoporcel).
Esta raza en perigo de extinción conformará ademais unha exposición comercial dentro do Mercado Tradicional Gandeiro da Semana Verde. A ela unirase a celebración da asemblea de socios de Asoporcel.
En canto á Galiña de Mos, será a protagonista de diversas actividades. Diego Rois Losada, director técnico da Asociación de Avicultores da raza Galiña de Mos (Avimós), desgranará en tres xornadas técnicas as características dos galos da raza fronte aos industriais, as normas básicas de manexo deste tipo de galiñas para unha correcta crianza na produción avícola artesanal, e as novidades no Programa de Conservación da Galiña de Mos e nas normativas actuais e futuras. Ademais, desenvolverase a asemblea anual de socios de Avimós.
Récord de participación no Mercado Tradicional
A Galiña de Mos tamén terá no Mercado Tradicional a súa propia exposición, formada por máis de 4.000 exemplares de idades comprendidas entre un e tres meses, os cales se poderán adquirir. Pertencentes a 16 produtores das catro provincias galegas, supón un récord de participación por parte desta raza no Mercado.
Así mesmo, o programa tamén acollerá o 2ª Concurso por Lotes de Galiña de Mos – Semana Verde, cuxo obxectivo é estimular a labor que están a facer os criadores. Nesta ocasión participarán criadores de 15 concellos galegos que aportarán 100 aves reprodutoras adultas, as cales serán valoradas en conxunto por un xurado formado por veterinarios da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.
Programa das razas autóctonas
Ademais destas actividades de Porco Celta e Galiña de Mos, o programa das razas autóctonas galegas en perigo de extinción na Semana Verde 2013 acollerá, das restantes razas, dez exposicións, seis conferencias e dous concursos morfolóxicos de bovino.
Os temas tratados nas xornadas serán de gran interese. Así, abordarase a evolución das razas autóctonas galegas e do Estado, a economía nas súas explotacións e o funcionamento das puxas da Central Agropecuaria de Galicia. En canto a cada raza, das bovinas exporanse as principais características produtivas, e da ovella galega daranse a coñecer as característica e a calidade da canal e da carne nos años da raza sacrificados aos 4 meses de idade e sometidos a distintos sistemas de crianza, de man de Silvia Adán, secretaria executiva da súa asociación de criadores (Asovega).











