Os alumnos do Conciliatardes amosan unha maqueta da cidade e a exposición fotográfica sobre “a Vilagarcía de onte e hoxe”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

O programa municipal ConciliaTardes – Tardes coa Infancia, chega esta semana ao seu fin e coincidindo con esta data, os monitores e alumnos amosarán boa parte do traballo que realizaron durante toda a temporada. A partir desta tarde poderase ver a exposición fotográfica na que traballaron dende novembro e que leva por título “A Vilagarcía de onte e hoxe” e tamén a maqueta do municipio que deseñaron e fabricaron duran esta primavera. O alcalde, Tomás Fole, e a concelleira de Traballo e Benestar, Elena Suárez, visitarán as aulas de Matosinhos ás 17:00 horas para admirar ámbolos dous proxectos e felicitar aos nenos e monitores polo seu traballo.

EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA: VILAGARCÍA ONTE E HOXE”

Durante o mes de Novembro, o ConciliaTardes intentou que os nenos e nenas coñecesen máis polo miúdo Vilagarcía de Arousa, de aí que nese mes as actividades a desenvolver no servizo se encadrasen baixo o epígrafe de “Desde Galiza para o mundo”.

A través da exposición de fotos “Vilagarcía onte e hoxe”, os nenos e nenas tiveron a oportunidade de coñecer como era a Vilagarcía dos seus antepasados, e contrastala con fotos actuais que aportaron os menores. Esta actividade estivo complementada coa proxección de vídeos, imaxes e visita a páxinas web vencelladas coa cidade de Vilagarcía, algunhas das cales foron facilitadas polos pais e nais dos usuarios.

De igual modo, esta actividade estivo ligada a outra denominada “Obradoiro interxeracional para traballar a memoria histórica” que se desenvolveu cos usuarios/as do Centro de día de Vilagarcía do Bosque dos Desamparados e no que os maiores contáronlle aos alumnos o estilo de vida que levaban cando eran mozos e os cambios que se observan con respecto á actualidade, facendo especial incidencia en como celebraban as festas tradicionais.

MAQUETA SOBRE A VILAGARCÍA DE AROUSA QUE OS NENOS E NENAS QUEREN

Durante o mes de abril o ConciliaTardes traballou a expresión artística dos nenos e nenas como canalización de ideas, emocións e sensacións cara ao exterior e de cara aos demais.

Fíxose fincapé en que os alumnos comprendan que posúen a capacidade interna de crear e que esta cualidade lles ofrece un potencial ilimitado para inspirarse e xogar libremente.

Participar en actividades promotoras de creatividade axuda aos nenos e nenas a respectar outras formas de pensar, ao mesmo tempo que lles proporciona ferramentas para resolver os seus propios problemas e para comunicar os seus pensamentos e ideas de diferentes formas.
Unha actividade proposta para fomentar a creatividades dos menores foi a elaboración da maqueta da cidade de Vilagarcía na que lles gustaría vivir.

Posto que o coidado e respecto do medio ambiente estiveron presentes ao longo do desenvolvemento da programación anual do ConciliaTardes, a realización desta maqueta resultaba interesante para que os nenos e nenas plasmasen os coñecementos adquiridos durante os últimos meses ao tempo que potenciaban a súa expresión artística.

Para a elaboración da maqueta contaron coa colaboración do arquitecto Jose Millán, que os asesorou e axudou a definir un pouco as nosas liñas de traballo. Todas e cada unhas das decisións tomadas sobre a maqueta foron consensuadas polo grupo, o que tamén permitiu traballar transversalmente a resolución de conflitos entre os membros do equipo.

19 de xuño de 2013 | 10:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.