publicidade hoxe

Os alcaldes de Ponte Caldelas, Cotobade, A Lama, Soutomaior e Fornelos desisten da posibilidade de crear o GES

Reunión dos rexedores

Reunión dos rexedores

Os rexedores dos Concellos de ponte Caldelas, Cotobade, A Lama, Soutomaior e Fornelos desisten da posibilidade de crear o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) ante as dificultades da súa posta en funcionamento derivadas da incerteza que xera a futura Lei de Reforma da Administración Local e con ela a posible reasignación de competencias. Actualmente estas competencias en materia de emerxencias non é obrigatoria para municipios de menos de 20.000 habitantes.

Os alcaldes dos cinco municipios reunidos na Casa do concello de ponte Caldelas consideran tamén moi difícil a posta en marcha, de xeito eficaz, deste Grupo de Emerxencias Supramunicipal ante a falta de experiencia previa e o enorme esforzo investidor que terían que asumir as arcas municipais para dotarse de medios e infraestrutura dos que carecen nestes momentos e que supoñería un desembolso económico complicado de afrontar polas arcas municipais nos momentos de especial dificultade pola que atravesan as facendas locais. Noutros Concellos da provincia aos que se lle asigna un GES xa contaron no seu día cun GRUMIR e polo tanto xa dispoñen de todos os medios materiais e equipamento. Este non é o caso de ponte Caldelas nin de ningún destes Concellos que terían que adquirir á súa costa todo ese equipamento.

Ademais, consideran que a propia existencia dun Consorcio Provincial de Bombeiros, dependente da Deputación de Pontevedra, terá que cubrir no futuro estas necesidades en materia de emerxencias que se observan nestes concellos da provincia. O propio desenvolvemento do Consorcio, a súa implantación territorial e funcionamento, derivado das competencias que marque a futura Lei de Reforma da Administración Local, poderían dar resposta axeitada á demanda da zona. Perfecto Rodríguez afirma que “ao ser un servizo supramunicipal o lóxico é que sexa asumido pola Deputación a través dese Consorcio Provincial de Emerxencias. É un claro exemplo de servizo que deben prestar as Deputacións”.

Os Alcaldes entenden que no futuro o Consorcio Provincial de Bombeiros debe estudar a posibilidade de contar cunha subsede ou un retén permanente asentado nun punto intermedio destes cinco municipios dando un mellor servizo e cuns tempos de resposta axeitados sen ter que asumir os concellos unhas competencias impropias que, coa nova regulamentación, se queren corrixir e ordenar.

Por outra parte, a propia dificultade derivada da responsabilidade laboral dos traballadores asignados a este servizo sería outro dos escollos cos que tería que enfrontarse a posta en marcha deste servizo supramunicipal.

Aínda que recoñecen os esforzos da Xunta, Fegamp e Deputación para asinar e cofinanciar o convenio da posta en marcha dos GES, o certo é que a aplicación práctica en materia de contratación e asignación de todo o persoal ao Concello de ponte Caldelas como Concello sede xeraría unha serie de dereitos futuros e unha vinculación laboral que, en caso de non persistir este tipo de axudas ou unha redefinición de competencias, poderían afectar moi negativamente ás arcas do concello no que foron legalmente encadrados.

13 de xuño de 2013 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.