Ortigueira mellorará a sinalización do “Sendeiro Azul” coa incorporación de códigos QR aos paneis informativos
O Concello de Ortigueira incorporará códigos QR aos paneis informativos do Bordo litoral de Ortigueira, incluído na rede de Sendeiros Azuis, co fin de posibilitar a obtención a tempo real de información acerca da fauna e flora nos teléfonos móbiles. A iniciativa enmárcase no proxecto de FEE- ADEAC, entidade que outorga anualmente as Bandeiras Azuis, de mellorar a través de guías interactivas a difusión dos valores naturais e etnográficos de todos os camiños que integran a súa rede.
Neste sentido, FEE ADEAC creou unha aplicación para móbiles que contén, na súa primeira versión, guías online de 24 dos sendeiros azuis da rede que xa mereceron o distintivo de calidade o pasado verán (caso do ortegano), describindo os seus principais puntos de interese ecolóxico, paisaxístico e cultural.
Dende a entidade, encargada de entregar as Bandeiras Azuis, confíase ademais en que a progresiva implementación destas aplicacións para móbiles, pode supoñer un aforro aos concellos en cartelería e en paneis interpretativos, sensibles ao paso do tempo e branco, por desgracia, en ocasións, de actos vandálicos.
A decisión de dotar dos códigos QR aos paneis do Bordo Litoral de Ortigueira, camiño pedestre que conecta o Paseo Barro Souto (núcleo urbano) e a praia de Morouzos, constitúe un paso máis na aposta municipal por incorporar as novas tecnoloxías á promoción turística da localidade, despois de estrear o pasado mes de abril a súa propia oficina virtual de turismo dentro do proxecto global de OVT a Asociación Vilas Mariñeiras.
O Bordo litoral de Ortigueira, ruta que permite coñecer o ámbito da recuperada lagoa de San Martiño, achegarse ao espectacular cordón de dunas de Morouzos e percorrer o seu piñeiral tras duna, é xunto á senda litoral de Arteixo, o único sendeiro da provincia incluído na rede de ADEAC.
Os Sendeiros Azuis son itinerarios que enlazan praias ou portos con Bandeira Azul e contribúen positivamente ao uso sostible do litoral, constituíndo excelentes lugares para o desfrute da natureza.











