Ortigueira mellora a rede de saneamento de Ladrido coa posta a punto da depuradora da parroquia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOrtigueira
A-
A+

O Concello de Ortigueira remata estes días os traballos de rehabilitación da depuradora de Ladrido. O acondicionamento integral da planta, no que se investiron máis de 82.000 euros procedentes do plan provincial DTC94, permitiu que a instalación volva funcionar como debese.

O goberno local aprobou hai uns meses esta actuación co obxectivo de remediar os problemas detectados na depuración da rede de saneamento da parroquia; problemas derivados fundamentalmente da deterioración dos compoñentes da depuradora existente.

Para iso procedeuse á restauración desta infraestrutura, dotando de novos equipos á depuradora de biodiscos a onde son conducidas as augas residuais que se xera nas vivendas da zona.

Na práctica, as obras que están a punto de concluír supuxeron a rehabilitación integral desta EDAR, ao incluír un acondicionamento completo da súa planta (execución da acometida eléctrica, instalación de novas bombas e rototamiz), ademais de preparala de cara a un futuro incremento do caudal a tratar.

As obras, cofinanciadas por Deputación da Coruña, contribuirán a optimizar o funcionamento da rede de saneamento de todo o núcleo poboacional e á mellora do medio.

26 de xuño de 2013 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.