Oroso porá en marcha unha escola de pais e nais no CRA de Oroso, na parroquia de Vilarromariz
O Concello de Oroso porá en marcha unha Escola de Pais e Nais no Centro Rural Agrupado de Oroso, situado na escola unitaria de Vilarromariz, e que botará a andar o vindeiro mes de setembro coincidindo co inicio do curso escolar 2013-2014. O concelleiro de Ensino, Antonio Leira, explica que “coa posta en marcha deste proxecto, o Concello de Oroso dá cumprida resposta a unha demanda dos profesores e da ANPA de poñer a disposición das familias un espazo no que compartir experiencias sobre a educación dos fillos e aprender uns dos outros”.
Para poñer en marcha esta iniciativa, o Concello de Oroso celebrou unha primeira sesión de presentación no local social de Vilarromariz, na que participaron unha ducia de familias. O director do CRA de Oroso, Javier Rivas Barcala, indica que esta iniciativa “é un espazo aberto para a familia no que pais e nais poden vir e aportar cousas da educación dos seus fillos, compartir as experiencias da casa e remar todos na mesma dirección”.
Un punto no que incidiu Antonio Leira, quen explicou que “o proxecto está totalmente aberto, tanto no contido como na súa programación. Os protagonistas son as familias e estará aberto tamén a calquera familiar ou achegado que estea en contacto cos cativos e poida aportar algo de interese para a súa educación”. Leira Piñeiro asegurou que “dende o Concello de Oroso poremos todo o necesario para que esta iniciativa sexa de utilidade para vós. Despois, terá a continuidade que vós queirades que teña e terá cabida calquera problemática que vos interese”.
Igualdade de xénero
Neste sentido, Antonio Leira ofreceu toda a colaboración do Concello de Oroso e dos seus técnicos para colaborar no posible nos debates e sesións que se organicen dentro desta escola de pais e nais. Unha iniciativa que vén substituír en certa forma ao programa “Preescolar na casa”, vítima dos recortes autonómicos en educación co gallo da crise económica.
A primeira sesión de presentación desta iniciativa incluíu unha pequena charla e debate sobre a igualdade de xénero a cargo de María José Pena Caneda, técnica de Igualdade da Mancomunidade de Ordes; Montserrat Lata, psicóloga do Concello de Oroso; e Manuel Soutullo Couto, orientador de infantil e primaria do CRA de Oroso. María José Pena fixo especial fincapé en que “os nenos asumen os roles tradicionais que ven na casa: a nai é quen leva o traballo doméstico; papá axuda, pero non é comparable”.











