Oroso ofrece 50 prazas nun campamento de verán en Porto do Son, que terá lugar do 14 ao 21 de agosto
O Concello de Oroso convoca 50 prazas nun campamento de verán dirixido a nenos e nenas de entre 7 e 12 anos que terá lugar no campamento Virxe de Loreto (Porto do Son) entre o 14 e o 21 de agosto. Un campamento que inclúe actividades como: tiro con arco, piragüismo, rutas de sendeirismo, actividades multiaventura, veladas, xogos e cancións…
O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 27 de xuño, tendo preferencia os nenos e nenas empadroados no Concello de Oroso. O prezo será de 100 euros (empadroados) e 150 euros (non empadroados). Unha cota que inclúe o desprazamento ata o campamento, a participación en todas as actividades que se organicen, aloxamento e manutención durante eses sete días.
Máis información e inscricións no centro cultural de Sigüeiro, en horario de 9:00 a 14:00 horas (de luns a venres) e de 17:00 a 20:00 horas (martes e xoves). Entre a documentación a presentar figuran fotocopia da tarxeta sanitaria, fotografía tamaño carné e a solicitude de inscrición debidamente cumprimentada.
O Concello de Oroso recomenda aos rapaces levar: mochila ou bolsa, útiles de aseo ou toalla, bañador e chanclas, protector solar, cartilla S.S., chubasqueiro, prendas de abrigo, cantimplora, lanterna, saco de durmir, botas ou calzado forte, roupa e zapatillas de deporte. O campamento está organizado polo Concello de Oroso e conta coa colaboración da Xunta de Galicia.











