Oroso investirá 30.000 euros nunha nova superficie antideslizante para o polideportivo municipal de Sigüeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOroso
A-
A+

O Concello de Oroso iniciou hoxe luns 3 de xuño as obras de mellora do interior do polideportivo municipal de Sigüeiro, nos que vai investir preto de 30.000 euros. Unhas obras consistentes no pintado interior da instalación e na substitución do actual pavimento por unha nova superficie antideslizante ideal para a práctica de todo tipo de actividade deportiva.

O concelleiro de Deportes, Luís Rey, explica que “a renovación do desgastado pavimento do polideportivo foi unha petición común de todos os clubs e escolas deportivas que o utilizan todos os días, polo que agardamos á clausura das escolas para cumprir con esa demanda e instalar unha nova superficie antideslizante, de alta resistencia ao desgaste e ideal para a práctica de calquera modalidade ou competición deportiva”. Unhas obras que terán lugar entre hoxe e o vindeiro 16 de xuño, días durante os cales o polideportivo estará totalmente pechado ao público.

A nova superficie, denominada Grabo Stamina, é un pavimento deportivo de alta resistencia ao desgaste en tan só 2 milímetros de espesor, o que o fai ideal para soportar especialmente o desgaste de actividades como o hóckey sobre patíns ou das escolas de patinaxe. Ademais, Luís Rey confirmoulles a todos os clubs deportivos que esta superficie está homologada e é perfectamente utilizable en calquera competición federada. De feito, trátase dun pavimento composto de tres capas de tres materiais diferentes: unha primeira capa de desgaste para garantir a súa resistencia e facilitar a súa limpeza; unha capa de fibra de vidro que ofrece unha maior estabilidade; e unha terceira capa de espuma de PVC que confire un gran confort ao deportista e reduce o ruído na instalación.

Piscina municipal                        

Por outra banda, a piscina municipal de Sigüeiro abre as súas portas para a campaña de verán, todos os días  en horario de 11:00 a 21:00 horas. Os prezos das entradas é o mesmo que na campaña pasada: 1,5 euros (nenos de 4 a 16 anos) e 2 euros (maiores de 16 anos). Os menores de 4 anos teñen entrada libre e de balde.

Os veciños e veciñas interesados en conseguir o carné de temporada poderán solicitalo a través da páxina web municipal (www.concelloooroso.com), dende onde tamén poderán pagar as cotas on line (apartado instalacións deportivas). Os prezos dos carnés son de 24 euros (de 4 a 16 anos) e de 32 euros (maiores de 16 anos). Os veciños e veciñas empadroados en Oroso teñen un desconto de 7 euros, polo que para os empadroados a tarifa será de 17 euros (de 4 a 16 anos) e de 25 euros (maiores de 16 anos).

3 de xuño de 2013 | 13:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.