Oroso abre hoxe o prazo de inscrición no programa de conciliación familiar “Verán lúdico”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOroso
A-
A+

O Concello de Oroso abre hoxe xoves 6 de xuño o prazo para inscribirse nunha nova edición do programa de conciliación familiar “Verán Lúdico”, que terá lugar os meses de xullo e agosto no CEIP de Sigüeiro. Concibido coma unha alternativa para conciliar a vida familiar e laboral, o “Verán Lúdico” ofrece obradoiros, xogos e excursións que ocuparán as mañás de xullo e agosto dos nenos e nenas do municipio, de idades comprendidas entre 3 a 12 anos.

Este ano as actividades desenvolveranse en catro quendas: do 1 e o 15 de xullo; do 16 ao 31 de xullo; do 1 ao 14 de agosto e do 19 ao 30 de agosto. Os pais e nais poderán escoller a quenda na que anotan aos pequenos e mesmo inscribilos nunha, dúas, tres ou nas catro quendas. O Concello de Oroso mesmo ofrece este ano a novidade de poder anotar aos pequenos en días soltos.

Prezos e descontos

Consciente da situación económica actual, o Concello de Oroso mantén os prezos do ano pasado para as familias empadroadas no municipio: 44 euros (na quenda de 10:00 a 13:00 horas) ou 63 euros (en horario de 7:30 a 15:30 horas). Isto supón un desconto do 40% para os veciños e veciñas empadroadas en Oroso, xa que os prezos para os non empadroados son de 73,3 e 105 euros, respectivamente. A maiores, o Concello de Oroso establece un desconto a maiores 20% ás familias numerosas e a aquelas familias que teñan a dous o máis irmáns na actividade, de xeito que nestes casos os prezos descenden ata os 35,2 e 50,4 euros, respectivamente.

Ademais, para adaptarse ás necesidades das familias, o Concello de Oroso ofrece este ano a posibilidade de deixar aos pequenos en días soltos por 7 euros (en horario de 7:30 a 15:30 horas) e 6 euros (na quenda de 10:00 a 13:00 horas). Tamén existe a posibilidade de almorzar (1,82 euros/día) e de xantar (4,24 euros/día) para aqueles que o soliciten.

Prazos para anotarse

Os pais e nais que desexen que os seus fillos participen neste programa de conciliación familiar, poden anotarse dende hoxe e ata o 26 de xuño (para as quendas de xullo) e do 4 ao 24 de xullo (se as que lle interesan son as quendas de agosto). Para máis información pódense dirixir ao Centro Cultural Fernando Casas e Novoa (981 69 09 03) ou a través da páxina web: www.concellooroso.com.

6 de xuño de 2013 | 19:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.