Once veciñas de Frades rematan un curso de pintura en vidro de tres meses de duración

Participantes no obradoiro
Un total de 11 veciñas de Frades remataron un curso de pintura en vidro organizado polo Concello de Frades e que tivo lugar no multiusos José Botana durante os últimos tres meses. Un curso eminentemente práctico no que as alumnas estiveron dende o primeiro día facendo probas e traballos con todo tipo de materiais e aprendendo distintas técnicas.
Así, estas once alumnas aprenderon técnicas de pintura en vidro, dende as máis sinxelas con plantilla e contorno releve ata outras máis complicadas como o esmerilado, o puntillismo, o craquelado en vidro, a técnica de vidreiras ou a de decupage en vidro.Ademais, practicaron todo tipo de aplicacións de cores (translúcidas, anacaradas e opacas), de cintas de chumbo adhesivo, de cores con esponxa…
O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, acudiu a última sesión do curso para felicitar ás alumnas polo traballo realizado ao longo do curso. Unhas pezas que poderán ser contempladas por todos os veciños e veciñas de Frades na Exposición de Manualidades 2013, que abrirá as súas portas o vindeiro 27 de xuño xunto con outros traballos dos cursos de manualidades. A mostra poderá ser visitada no multiusos de Frades de luns a venres, en horario de 9 a 15:00 horas, ata o vindeiro 12 de xullo.











