#objetivocoruña reúne grandes fotógrafos para promover a imaxe máis cosmopolita da cidade
Cinco dos máis importantes fotógrafos de viaxes de España, Lucas Vallecillos, Gonzalo Azumendi, Anxo Martínez Bermejo, Óscar Domínguez e Rafael López-Monné, participarán na Coruña o 5 e 6 de xullo na segunda edición de #objetivocoruña, o evento impulsado polo Consorcio de Turismo, que preside Luisa Cid, para promover unha imaxe moderna e cosmopolita da cidade a través dunha selección das súas fotografías que pasarán a formar parte do arquivo do Consorcio de Turismo. Cid explicou que a iniciativa “terá unha forte presenza nas redes sociais” e dará a oportunidade aos coruñeses de saber como traballan estes profesionais grazas a “quedadas fotográficas”.
Aos fotógrafos que participan en #objetivocoruña aválaos unha dilatada carreira profesional marcada de recoñecementos nacionais e internacionais. Os cinco son destacados free-lance que publicaron as súas obras en The Times, The Sunday Times, La Reppublica, Geo, Cosmopolitan, BBC, a axencia alemá Agentur Bilderbeg ou Newsweek; traballado para organismos como a Unesco; colaborado coas mellores webs de viaxes e en medios especializados de primeira liña, como Lonely Planet e National Geographic, ademais de ilustrar coas súas reportaxes documentais, guías de viaxe, libros e revistas de medio mundo.
Os fotoxornalistas chegarán á Coruña antes do evento -permanecerán entre a cidade dende o 3 ao 7 de xullo- para ofrecer, durante catro días, a súa visión da cidade: captar os seus ambientes, paisaxes, rostros, xestos, monumentos, gastronomía e todo aquilo que lles chame a atención.
#objetivocoruña terá gran presenza nas redes sociais (twitter, instagram, Facebook). Poderase seguir no perfil de twitter @corunaturismo a través do hashtag #objetivocoruna e permitirá escoitar as experiencias destes fotoxornalistas que por primeira vez coinciden nunha mesma cidade para falar do seu traballo. Será nunha mesa redonda aberta ao público o 5 de xullo de 19.00 a 21.00 horas nas instalacións do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (Muncyt), onde mostrarán e comentarán as súas fotografías.
Os interesados en coñecer os trucos, técnicas e habilidades destes mestres tamén poderán participar nas “quedadas fotográficas” que organizou o Consorcio de Turismo. Celebraranse ao día seguinte, 6 de xullo, entre as 9.00 e as 14.00 horas e haberá cinco rutas, cada unha dirixida por un dos fotógrafos, con itinerarios diferentes e cun máximo de 15 persoas por grupo, na que os asistentes fotografarán A Coruña guiados por estes profesionais.
Vídeo en Air Europa
Tanto a mesa redonda como as quedadas son gratuítas logo de inscrición, chamando aos teléfonos 881 96 66 65/ 609 436 566 ou a través da dirección objetivocoruna@essecce.es. O prazo ábrese este xoves, 20 de xuño, ata completar aforamento. Toda a información se pode obter na web www.turismocoruna.com/objetivocoruna e en 1.500 folletos xa dispoñibles nos puntos de información turística, centros cívicos, bibliotecas e tendas de fotografía, entre outros establecementos.
A segunda edición de #objetivocoruña ponse en marcha tras o éxito do pasado ano, que desbordou todas as previsións cunha gran repercusión nas redes sociais. Durante os días do evento e posteriores o hashtag #objetivocoruña superou entón as 150.000 impresións e subíronse máis de 1.000 fotos a twitter.
A responsable de Turismo recordou, ademais, que os mellores traballos da primeira edición pasaron a formar parte do arquivo fotográfico do Consorcio de Turismo e que algunhas desas imaxes ilustran dende hai días soportes publicitarios (mupis) en varios puntos da cidade.
Por outra parte, os fotoxornalistas que participaron na edición 2012 (Kris Ubach, Alfons Rodríguez, Rafa Pérez, Félix Lorenzo e Óscar Rodbag) realizaron reportaxes sobre A Coruña para Traveller, De Viajes e Traveller, entre outros medios. O Concello tamén utilizou parte dese material para editar un vídeo que xa circula por youtube e que se proxecta nos voos intercontinentais e de longo percorrido de Air Europa para promover a cidade.
“Esperamos que a segunda edición de #objetivocoruña logre tanta expectación como a primeira”, engadiu Luisa Cid, quen recordou que o pasado ano as prazas para participar no evento se esgotaron o primeiro día.











