O xinete internacional de doma clásica Ignacio López Porras protagonizará dúas exhibicións na Semana Verde de Galicia 2013

Actividades hípicas na edición anterior
O programa ecuestre da 36ª Feira Internacional Semana Verde de Galicia, a cal se celebrará do 13 ao 16 de xuño no recinto Feira Internacional de Galicia contará con varias actividades protagonizadas polo xinete internacional de doma clásica Ignacio López Porras.
Este membro do Equipo Nacional de Doma Clásica levará a cabo dúas exhibicións no marco do certame, unha delas o sábado e outra o domingo. Será unha Kur Musical, unha proba de carácter libre de gran valor artístico que se executa con música de fondo e na que se realiza unha coreografía que destaca a combinación de cabalo/xinete.
Así mesmo, o seu equipo, formado polos seus alumnos do Centro de Alto Rendimiento del Club Hípico de Chipiona no que é formador, levará a cabo unha vistosa representación ecuestre (carrusel) con seis cabalos.
Por outra banda, Ignacio López Porras impartirá o sábado unha xornada sobre a disciplina de doma clásica. Dirixida a afeccionados, centrarase nos aspectos básicos da preparación do cabalo en doma, dende o punto inicial ata o máis complexo, como os aires de alta escola.
Un amplo palmarés
Este xinete está vinculado ao mundo do cabalo dende a súa nenez, combinando ensinanza, participación en concursos de Doma Clásica ao máis alto nivel e preparación de cabalos para a competición.
Ten participado en múltiples competicións nacionais e internacionais co Equipo Nacional de Doma Clásica, acadando con este conxunto a medalla de bronce por equipos no Campionato de Europa, ademais doutros premios e a preselección para os Xogos Olímpicos de Atlanta e Sidney.
Entre os seus moitos galardóns está tamén o de Campión de España ANCCE, varias veces Campión de Andalucía ou Medalla de Bronce do Campionato de Cabalos Xoves.











