O Xesús San Luís Romero celebra o seu 18 aniversario lembrando ao escritor e zapateiro que serviu para bautizar o colexio

Intervención dos alumnos
O CEIP Xesús San Luís Romero da capital municipal quixo festexar os seus 18 anos de vida -xa que foi inaugurado en maio de 1995- cun acto conmemorativo no que se lembrou a figura do carballés ilustre, poeta, galeguista, dramaturgo e zapateiro que foi Xesús San Luís Romero. O salón de actos do Fórum Carballo, escollido pola súa proximidade co centro, foi o lugar no que o coñecido historiador Xan Fraga contou as claves da biografía deste veciño nacido en 1872 na rúa Saúde e que acabou sendo unha figura relevante da política, da cultura e do teatro feito en Galicia. Ademais, tres alumnos e alumnas do IES Alfredo Brañas pertencentes á AC Arume de Berdillo, lembraron coas súas gaitas unha das melodías tradicionais recuperadas por San Luís Romero, e titulada “Alalá de Carballo”. E tamén para lembrar a profesión da súa familia, e que o personaxe exerceu durante moitos anos, dous zapateiros estiveron impartindo no colexio obradoiros sobre o proceso de facer zapatos e zocos de forma tradicional e artesanal. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, presidiu o acto xunto coa directora do centro, María Luísa López, e quixo aproveitar para transmitirlle ao centro os seus parabéns “pola vosa calidade educativa”, e desexou que o colexio “cumpra 30 anos, 50, ou alomenos tantos como o zapateiro poeta”, xa que San Luís Romero morreu aos 94 anos.











