O vindeiro martes 11 de xuño, Ourense réndelle homenaxe ao artista Manuel de Dios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaOurense
A-
A+

O vindeiro martes día 11 de xuño, a cidade de Ourense organizará un acto de homenaxe ao artista Manuel de Dios Martínez, que vén de ser nomeado fillo adoptivo da cidade. Será ás 12.00 h no Salón de Plenos do Concello, e máis tarde, a partir das 13.15 h procederase ao descubrimento dunha inscrición na praza que levará o seu nome, sita a carón da rúa Portocarreiro.

A homenaxe da cidade de Ourense realízase por acordo do Pleno do Concello, unha vez levados a cabo os trámites para indagar sobre os méritos que concorren na figura do senlleiro artista ourensán de adopción. Entre outros aspectos están, o seu compromiso con Ourense, a súa dimensión humana e a faceta como docente, músico, compositor, director e poeta.

Tralas adhesións de veciños e veciñas, entidades, colectivos, asociacións, particulares, concellos, grupos e autoridades, o proceso levou á aprobación do nomeamento de fillo adoptivo da cidade de Ourense a título póstumo.

Manuel de Dios naceu no ano 1930 en San Xes da Rabeda. Licenciouse en Filoloxía Románica na Universidade de Santiago de Compostela, onde se relacionou con Benito Varela Jácome, Carlos Casares, Francisco Javier Carro e J. F. Ferreiro.

Desenvolveu a súa vocación literaria coa amizade de poetas locais como Abelardo Santórum, Víctor Campio, Serafín Gómez e Antón Tovar.

Exerceu o seu labor docente como profesor de Música e Literatura na antiga Universidade Laboral de Ourense de Filosofía e Lingua e Literatura Españolas no Instituto do Posío, hoxe chamado IES Otero Pedrayo. Neste último foi nomeado tamén xefe do primeiro Seminario de “Lingua e literatura Galega”.

Colaborou, como cronista, en “As nosas páxinas galegas” de ABC. A proposta de D. Xesús Ferro Couselo, formou parte do Grupo Marcelo Macías e fixo publicacións no Boletín Auriense do Museo Arqueolóxico Provincial.

O nome de Manuel de Dios está vencellado á mocidade. Nas súas aulas ía espertando cada días os valores esenciais da literatura como son a sensibilidade poética e musical, aspectos que só son capaces de transmitir os grandes mestres coma el, ben dotado destas capacidades.

A obra musical e poética deste insigne ourensán está enraizada no amor á terra e a esta nosa Auria, bence de homes ilustres, altruístas na defensa do común, orgullosos da fala, amantes da música e traballadores dos versos que enxalzan a nosa forma de vida. Na súa faceta musical, cultivou o popular e o culto; compaxinou os “alalás”, “as pandeiradas” e as “foliadas” coa música clásica, sacra e polifónica. Traballou con D. Xaquín Lorenzo “Xocas”, no cancioneiro da Baixa Limia, na recompilación de cantos populares, arrancando e adaptando moitos deles para a súa interpretación. Musicou poemas, entre outros, de Matilde Lloria, Antón Tovar e José Ángel Valente. Dedicou máis de medio século á dirección e composición coral, trinta e cinco anos na Coral de Ruada e dezanove, ata o seu pasamento, no grupo Vellos Amigos, do que fora o seu fundador. Boa parte das súas composicións musicais están publicadas no libro Cantos de traer e levar. Sobresaen pezas significativas como o “Himno a Castelao”, “A vires de Portovello”, “Ourense no solpor”, “Ourense ao lonxe”…

Da súa produción literaria cabe destacar as publicacións en Sete poetas ourensáns, así como incontables estrofas que compuxo, para engadir aos cantos populares, e principalmente Cantares, no que amosou o seu dominio da poesía popular e da clásica e no que hai que subliñar os seus sonetos e minigramas.

Das adhesións recibidas poderíase facer unha longa listaxe de aspectos que fan deste persoeiro un dos ilustres da cidade, a súa bonhomía, unha persoa respectada e respectuoso, engrandeceu os múltiples atractivos da cidade das Burgas, achegou ás actuais rondallas e corais, un xeito diferente de entender a música en relación directa coa natureza e o contorno da nosa provincia. Mesmamente a Rondalla Alecrín, organiza un certame que desde hai tres anos leva o seu nome.

7 de xuño de 2013 | 12:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.