O teatro Rosalía Castro da Coruña acolle o venres “Os Cantares das Musas”

Presentación de “Os Cantares das Musas”
O director do Teatro Rosalía Castro, Xosé Paulo Rodríguez, acompañado polo Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo e a actriz Sabela Gago, presentou esta mañá o proxecto Rosalía. Os Cantares das Musas dirixido por Ánxeles Cuña Bóveda, que se representará o próximo venres, 14 de xuño, ás 20.30 horas.
A compañía Sarabela Teatro propón un espectáculo de produción propia que formula unha reinterpretación das obras de Rosalía de Castro co reto de transformar a súa prosa e a súa poesía nunha linguaxe teatral, combinando dúas das súas obras: Cantares y El caballero de las botas azules.
O protagonista de Os Cantares das Musas é un home que invoca ás musas co fin de conseguir a inspiración para crear unha nova fórmula poética que lle dea fama. Acudirá a Novidade quen o transformará no Señor da Gloria, un ser que deixará en evidencia á sociedade a través da ironía e a burla.
Esta homenaxe a Rosalía de Castro, que coincide co ano do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, súmase ao programa En Maio Rosalía na Rosalía que o teatro acolleu o pasado mes. Neste sentido Xosé Paulo Rodríguez recordou que, actualmente, o da Coruña é o único teatro galego dedicado á escritora.
As entradas xa están á venda a través das canles habituais con prezos que oscilan entre os 6,50 e os 14 euros con descontos do 20% para usuarios de carné novo, desempregados e maiores de 65 anos.











