O Servizo Municipal de Mediación e Información LGTB cambia de sede para ofrecer un mellor servizo
O Concello, a través da Concellaría de Servizos Sociais que dirixe Miguel Lorenzo, informa sobre as melloras que experimentou o Servizo Municipal de Mediación e Información LGTB de A Coruña que se dedica á poboación lesbiana, gay, transexual e bisexual da cidade como servizo municipal de información e referencia e que ten como principais prestacións a de información, asesoramento e apoio; derivacións a servizos especializados e outros recursos; e o asesoramento a grupos, centros escolares ou veciñais.
Entre as principais novidades introducidas destacan fundamentalmente o traslado de situación e o incremento na atención. En concreto trasladouse a oficina dun local de aluguer ao Centro Cívico de Monte Alto, cumprindo coa directriz de eliminación de gastos superfluos e de concentración dos servizos en edificios municipais. Así mesmo, a Oficina beneficiarase da concorrencia no devandito edificio doutros servizos e medios municipais.
Por outro lado, á nova situación, únese un importante incremento da atención, dado que do servizo que se prestaba a partir dun concurso anual e posterior adxudicación a unha empresa externa, agora se fará cargo persoal municipal cualificado. Unha das principais vantaxes é que así, por primeira vez na cidade, o servizo se prestará durante todo o ano. Era un servizo antes externalizado e cuxas competencias recupera agora a xestión municipal.
Tamén se incrementa o horario de atención que pasa de prestarse dúas horas polas tardes os xoves, a ser operado os martes dúas horas e media de forma presencial e todas as mañás, segundo demanda, podendo incorporarse novos recursos en función das necesidades.
– Atención telefónica: de 09.00 a 14.00 horas, de luns a venres, e os martes pola tarde, de 16.30 a 19.00 horas. (Teléfono: 981 184 200 – Extensión 46088).
– Presencial. Os martes de 16.30 a 19.00 horas no Centro Cívico de Monte Alto e todas as mañás, segundo demanda.
– Por correo electrónico. InformacionymediacionLGTB@coruna.es
Ademais, o Goberno municipal, leva a cabo a realización de actividades de prevención, sensibilización e difusión; traballo con centros educativos; e campañas divulgativas que, xunto a este servizo de mediación e información LGTB, forman o programa LGTB 2013. Todo iso co fin de defender e garantir os dereitos do colectivo LGTB e, por extensión, de toda a poboación coruñesa.











