O San Xoán conxuga tradición e modernidade con moita música, verbenas, cultura, deporte e a xa ineludible Festa do Bosque

Presentación das festas de San Xoán
Co mes de xuño chegan a Carballo as celebracións de San Xoán, “a festa máis esperada polos carballeses e bergantiñáns”, en verbas da Concelleira de Festexos, Belén Lendoiro. Neste ano 2013, ofrece un programa axustado aos tempos da crise, que conta cun orzamento de preto de 96.000 euros, dos que 60.000 invístense nas actuacións musicais, o 66 por cento do gasto total. Este ano, hai que subliñar que o Concello recada por primeira vez pola instalación das barracas arredor de 24.000 euros. O San Xoán identifícase cada edición cunha imaxe representativa, e a presentación do programa de festas comezou coa entrega do premio do Concurso do Cartel de San Xoán 2013 que este ano gañou Antón Lezcano González, deseñador gráfico e creativo publicitario que compaxina a súa actividade profesional no seu estudo de deseño cunha actividade docente na carreira de Publicidade no Centro Español de Nuevas Profesións. A isto engádeselle unha dilatada traxectoria xornalística en medios como Cuatro, TVE, Antena 3, TVG, Radiovoz ou Cadena Ser. É, ademáis, o propietario da marca “nicetrip” onde da saída a moitos dos seus deseños. Un dos seus “hits” é a mítica bandeira galega coa vaca, da que foi creador. O premio, de 450 €, foi entregado por Belén Enríquez, de Optical¡a Enríquez, patrocinadora deste concurso dende hai oito anos.











