O rexedor de Porto do Son asina un convenio cos clubes de xubilados “Casa do Mar” e “Virxe do Carme”

Sinatura do convenio
O alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, firmou o día de hoxe, xunto coas presidentas dos clubes de xubilados “Casa do Mar” e “Virxe do Carme” o convenio que autoriza a ámbolos dous clubes para a utilización das novas instalacións que o Concello pon á súa disposición, unhas instalacións totalmente renovadas e acondicionadas para o desenvolvemento das actividades do novo clube e que se atopan na antiga lonxa do porto.
Coa firma deste convenio o Concello da o primeiro paso cara á unificación das dúas asociacións, que se integrarán nunha única entidade denominada “Club de Xubilados Porto do Son” e que acollerá e será representativa da totalidade dos xubilados do concello.
Asímesmo, o clube “Casa do Mar” desocupará as instalacións que darán cabida á futura gardería municipal, instalacións que o Concello ten previsto poñer en funcionamento para o curso académico 2014/2015.











