O próximo venres, finaliza o prazo para tomar parte no viveiro de empresas na Feira do Moble da Estrada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaLocal
A-
A+

O pasado vinte e catro de maio, a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, abría o prazo para tomar parte no proceso selectivo de empresas que conformarán o Viveiro, sito nesta Institución. O devandito prazo de recepción de solicitudes finaliza o próximo venres día sete de xuño.

O Viveiro de Empresas, é unha ferramenta que a Fundación pon en marcha para estimular ás empresas de nova e recente creación e acompañalas a través da prestación de servizos de formación e asesoramento, ao tempo que, se lles facilita a infraestrutura necesaria para desenvolver a súa actividade (oficinas debidamente equipadas con mobiliario e servizos de conexión a internet, electricidade, limpeza, climatización, etc…). É esta, unha iniciativa de acollida temporal destinada ao acompañamento dos primeiros pasos na posta en marcha de calquera actividade empresarial.

O obxectivo primordial co que nace esta idea, é o fomento de proxectos empresariais dentro da propia área de referencia do concello estradense. O nacemento, arranque e consolidación dos devanditos proxectos, son as partes nas que o Viveiro de Empresas fará especial fincapé para facer viables e permanentes no tempo as ideas e iniciativas empresariais xeradas.

A Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, estará apoiada no desenvolvemento desta iniciativa polo Excelentísimo Concello da Estrada e a Fundación Cultural da Estrada, que poñerá a disposición dos participantes o servizo de asesoramento e formación e a cobertura loxística no campo das telecomunicacións.

Todos os interesados en formar parte deste proceso selectivo, deben de presentar as súas solicitudes antes das catorce horas do día sete de xuño, data en que se pechará o prazo para comezar co estudo e baremación de expedientes. Posteriormente, será o Comité Executivo do Viveiro quen proceda á devandita baremación que se fará pública na páxina web da Fundación www.feiradomoble.com, determinando os proxectos que ao final terán cabida dentro do propio Viveiro.

5 de xuño de 2013 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.