O proxecto “Come Ourense” potenciará a reactivación da producción de alimentos nas áreas periurbanas de Ourense
Esta mañá celebrouse no recentemente inaugurado Centro Cívico de Seixalbo, a primeira das reunións do proxecto liderado pola Concellería de Medio Ambiente “Come Ourense”, cuxo principal obxectivo é mellorar a sostibilidade do sistema alimentario da nosa cidade, reactivando a produción de alimentos nas áreas periurbanas de Ourense cunha orientación de autoconsumo e mercantil.
Na reunión do grupo de apoio local desta mañá estiveron presentes a concelleira de Medio Ambiente Susana Bayo, representantes dos grupos políticos municipais -Carmen Carballo (PP), Xosé Somoza (BNG) e Susana Gómez (DO)-, Miguel Doval como interlocutor das Asociacións de Veciños, Juan Cid, presidente da AAVV San Breixo de Seixalbo, María Luísa Rúa, profesora da Universidade, e representantes da Asociación Amigos da Terra, xunto a técnicos do Concello de Ourense.
O proxecto “Come Ourense” surxe para combater a perda e/ou abandono das hortas tradicionais da área periurbana de Ourense, e pola falta de utilidade dunha funcionalidade como a produción de alimentos. Este feito ocasiona múltiples problemas como a perda da paisaxe humanizada, o abandono de camiños, a maior incidencia dos lumes en terreos non cultivados, ou a necesidade de traer alimentos de lugares máis afastados, incrementando o custo enerxético.
Durante a sesión, tivo lugar unha presentación e primeiro punto de encontro, no que se repasaron as claves do proxecto, enmarcado no programa “Urbact II, sustainable food in urban communities”, baseado na transferencia de coñecementos, experiencias e boas prácticas de desenvolvemento local entre as cidades que participan.
“Come Ourense” dará inicio cunha experiencia piloto en Seixalbo, e posteriormente poderíase extraer a experiencia a outras localidades do medio rural ourensán como Velle, Ceboliño, Cudeiro, Palmés ou Cabeza de Vaca.
Máis concretamente, os obxectivos da iniciativa son os seguintes:
-Impulsar novas fórmulas de fomento do comercio local de productos autóctonos entre a poboacioón, co desenvolvemento de pequenos rianxos periódicos en diferentes núcleos rurais do Concello.
-Promover aproveitamentos do solo non edifificable no contorno periurbano de Ourense ligados ao seu valor rústico, mellorando os ámbitos do patrimonio arqueolóxico e arquitectónico do medio rural.
-Establecer feiras de produtos ecolóxicos, favorecendo a presencia de alimentos procedentes do termo municipal.
-Crear unha convocatoria de Bolsas para estudantes que lles permita adquirir produtos frescos e de tempada na Praza de Abastos.
-Promover a creación de grupos de expertos nos núcleos rurais onde se desenvolva o proxecto, que ensinen as prácticas tradicionais de traballar a terra e colaboren nas distintas fases de produción de alimentos.











