O popular Dani Mateo regresa a Vilagarcía coa última versión dos seus “Pecados”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

O popular monologuista Dani Mateo volverá a subirse ao escenario do Auditorio de Vilagarcía para poñer en escena o seu último espectáculo “PK2.0. Que Dios nos pille confesados”. O colaborador do programa de televisión “El Intermedio” fará gala do seu ácido, crítico e agudo sentido do humor nun espectáculo de case dúas horas de duración e para o que xa se poden adquirir as entradas. Os prezos son de 17, 15 e 13 euros, aínda que as persoas que as adquiran antes do 15 de xuño poderán compralas cunha redución de 3 euros por entrada.

A actuación de Dani Mateo será o sábado 22 de xuño a partir das 22:00 horas no Auditorio. Os billetes pódense adquirir de xeito anticipado a través das canles habituais: www.servinova.com e o teléfono 902 504 500, cos correspondentes custes de xestión. Tamén se venderán o mesmo día da función a partir das 19:00 horas.

En “PK2.0 Que Dios nos pille confesados”, Dani Mateo presenta o seu último e máis completo show, no que durante unha hora e 45 minutos fai un exhaustivo e persoal repaso dos sete pecados capitais: a gula, a pereza, a soberbia, a envexa, a ira, a pereza e a avaricia; sempre dende o punto de vista do humorista, contando coas súas experiencias persoais e tamén cos acontecementos de maior actualidade que se están a producir na nosa sociedade.

5 de xuño de 2013 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.