O pleno municipal aprobará inicialmente unha modificación do PXOM para permitir a ampliación do enlace sur da AP-9 en Sigüeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOroso
A-
A+

O pleno municipal de Oroso reunirase mañá venres, ás 9:30 horas, en sesión extraordinaria para aprobar inicialmente a modificación puntual número 5 do PXOM, que xurde como consecuencia da aprobación do proxecto “Estudo de enlace direccional sur en enlace 55 da AP9”, elaborado polo Ministerio de Fomento e que consiste na ampliación do enlace da autoestrada coa N-550 en Sigüeiro. Este proxecto completaría o enlace direccional norte actual cos movementos cara o sur, é dicir, que os vehículos procedentes de Santiago terían unha saída en Sigüeiro e se permitiría tamén a incorporación de vehículos dende Sigüeiro cara o sur de Galicia.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, destaca que “no Concello de Oroso cumprimos co prazo comprometido de tres meses, polo que agardamos que a Xunta faga o propio logo do mes de exposición pública, aínda que esta tramitación non é obstáculo para que Fomento poida ir avanzando nas obras”. Neste sentido, compre lembrar que a Secretaría Xeral de Ordenación de Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia emitira un informe previo sobre esta modificación puntual do PXOM o pasado mes de marzo, que foi cualificada como “normal e coherente” por Mirás Franqueira, polo que o equipo redactor da modificación traballou arreo seguindo a folla de ruta marcada pola Consellería.

O alcalde orosán lembra que a entrada sur da AP-9 é “froito de case dez anos de xestións a todos os niveis no que chegamos a facer peticións ata a catro ministros de Fomento distintos para explicarlles a importancia que esta obra terá tanto para a economía de Oroso como para o benestar e a mobilidade dos veciños e veciñas deste municipio”. Un proxecto que conta cun orzamento base de licitación de 7,94 millóns de euros, dos que 747.000 euros utilizaranse para expropiacións e outros 1,38 millóns para a construción dun paso elevado sobre a AP-9. .

Melloras para os veciños

Así mesmo, Manuel Mirás explica que na tramitación desta modificación “aproveitamos tamén para pasar a rural algúns terreos próximos, como no caso do Alto de Vilanova, onde os veciños poderán construír as súas vivendas sen os problemas que teñen actualmente como chan urbanizable non delimitado”. Con este cambio, os veciños verán simplificadas as esixencias á hora de construír as súas vivendas nos seus terreos.

A orde do día do pleno de mañá venres inclúe tamén a aprobación do convenio colectivo regulador das condicións de traballo do persoal laboral ao servizo do Concello de Oroso e o cambio da cualificación xurídica do inmoble “Escola da Igrexa-Oroso campo de Cabanas”, desafectándoo do dominio público e cualificándoo como ben patrimonial, logo de que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria xa non presta servizo nel.

Finalmente, o pleno tamén aprobará unha modificación de uso da parcela dotación SLE dp de uso deportivo-educativo situada no parque empresarial de Sigüeiro, que será destinada a uso deportivo e ambiental.

O proxecto completaría o enlace direccional norte actual cos movementos cara o sur, é dicir, que os vehículos procedentes de Santiago terían unha saída en Sigüeiro e se permitiría tamén a incorporación de vehículos dende Sigüeiro cara o sur de Galicia. A solución adoptada para o novo enlace no punto quilométrico 55 da AP-9 ao seu paso por Sigüeiro permitirá completar o enlace direccional Norte actual cos movementos cara o sur. Para iso, contempla unha serie de novos viais, dous pasos elevados e unha serie de actuacións tanto na N-550 como na propia autoestrada do Atlántico.

A primeira parte das obras afectará á saída cara a N-550 dende Santiago, onde se construirá un novo ramal de 1.430 metros de lonxitude (o máis longo de toda a obra). Este novo vial iniciarase antes do cruce da ponte da AP-9 sobre a estrada N-550, na súa marxe dereita. Aló, este ramal separarase dos actuais dous carrís da AP-9 e discorrerá en paralelo aos mesmos. Este vial pasará por riba da N-550 mediante un paso superior de 76 metros, composto por 3 vanos e que circula por riba da actual incorporación norte á autoestrada.

Á altura do punto quilométrico 0+520, este vial unirase cun ramal de acceso á autoestrada procedente da N-550 nun tramo de 300 metros, onde se emprazará a área de toma de tícket. Con esta disposición dos ramais evitaranse trenzados, de xeito que no tramo común dos dous carrís o da esquerda queda habilitado para facer o movemento de incorporación á autoestrada dende Sigüeiro (dirección Norte, é dicir, Coruña) e o carril da dereita será utilizado para os vehículos que, procedentes de Santiago, queiran saír á N-550 á altura de Sigüeiro.

Paso sobre a AP-9

A segunda parte das obras non implica a construción de vial algún, xa que é o actual acceso Norte dos vehículos que se incorporan en Sigüeiro. Iso si, ao longo dous seus 250 metros de lonxitude serán preciso realizar muros de contención en ambos lados debido ao seu encaixonamento entre o vial principal da AP-9 e o ramal de saída á N-550 dos vehículos procedentes de Santiago.

A maiores, será preciso desprazar cara o norte a área de toma de tícket e facer un novo ramal de 235 metros que leva ao paso superior sobre a AP-9. Este paso superior sobre a AP-9 estará composto por 4 vanos e terá unha lonxitude de 68 metros. O ancho desta estrutura será de 8,1 metros.

Enlace Coruña-N-550

Para evitar o trenzado entre os vehículos procedentes de Santiago (a través do paso a nivel) con aqueles que dende a AP-9 queiran saír á N-550 en Sigüeiro na actual estación de peaxe, está proxectado un novo ramal de 450 metros para os vehículos que procedan da Coruña pola AP-9. Deste xeito, os vehículos que veñan pola AP-9 sairán por este novo ramal exterior que se unirá co tráfico procedente de Santiago que tamén queira saír cara a N-550. A saída actual á N-550 mantense no mesmo punto, se ben medra dun carril a dous.

Para adaptar a estación de peaxe actual ás novas necesidades será preciso ampliar o número actual de vías (6) a oito. Isto suporá desprazar lateralmente o actual edificio de peaxe. Ademais, tamén se contempla a posibilidade de demoler un paso superior existente ao norte da estación de peaxe ao estar en desuso.

Actuacións na N-550

Para completar a ampliación do enlace, sobre a N-550 está previsto a construción dunha nova glorieta que substituiría á actual intersección en T da saída da AP-9. O tramo de unión desta nova glorieta coa xa executada de acceso ao polígono industrial de Sigüeiro será modificado, polo que pasará a ter dous carrís por cada sentido cunha mediana central reducida de 1,6 metros. Isto será posible ao eliminárense as actuais vías de espera no centro da N-550, con conseguinte incremento da seguridade viaria na zona.   

27 de xuño de 2013 | 19:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.