O pleno de Teo debaterá unha modificación da ordenanza das piscinas municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalTeo
A-
A+

A corporación teense reúnese este xoves 27 de xuño para celebrar a sesión ordinaria do pleno deste mes. O debate terá lugar, como xa é habitual, en horario de tarde, ás 20:00 horas, para facilitar a asistencia das persoas interesadas e celebrarase no salón de sesións da Casa Consistorial, na Ramallosa.

Un dos puntos que se someterá a debate será unha modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola utilización das piscinas municipais. A posta en marcha da piscina climatizada da Ramallosa e a súa operatividade fai recomendable incorporar novos supostos que non aparecían recollida no texto inicial. Deste xeito crease un abono para persoas desempregadas cun custe de 12 euros mensuais que só poderán acceder á instalación da Ramallosa en horario de mañá e tamén se dará a posiblidade de que os fillos de ata 24 anos que estean no paro ou estudando poidan integrarse nun abono familiar cun suplemento de 8 euros mensuais. Na ordenanza inicial o abono familiar recollía só ó pai, nai e fillos/as de ata 18 anos. O propio funcionamento da piscina climatizada da Ramallosa tamén fixo que se detectarán a necesidade de ofertar novos servizos como as clases de pádel ou o servizo de adestramento personalizado no ximnasio para o que se establece unha cota por hora.

O pleno tamén deberá posicionarse sobre a modificación da ordenanza e do regulamento do Servizo de Axuda no Fogar que se adapta ás modificacións normativas que indica a Xunta de Galicia. Na sesión tratarase ademais unha moción socialista que pide maior transparencia municipal.

A orde do día ten os seguintes puntos:

  1. Aprobación das actas das sesións de 25.03.13 e 30.05.13
  2. Dar conta das resolucións da alcaldía (da 446/12 á 528/13).
  3. Ditame da proposta da alcaldía de modificación da ordenanza reguladora do prezo público do servizo de axuda no fogar (SAF).
  4. Ditame da proposta da alcaldía de modificación da ordenanza reguladora do regulamento do servizo de axuda no fogar (SAF) do Concello de Teo.
  5. Ditame da proposta da alcaldía de modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola utilización das piscinas de titularidade municipal.
  6. Ditame da proposta da alcaldía sobre expediente de prazas de autotaxi. Requerimento de documentación.
  7. Ditame da moción do Grupo Mixto (PSdeG-PSOE) sobre mellora de transparencia no Concello de Teo.
  8. Mocións.
  9. Rogos e preguntas.
26 de xuño de 2013 | 18:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.