O pleno aborda a aprobación do deslinde co Concello da Laracha e a disolución do Padroado Deportivo Municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal
A-
A+

O pleno da corporación celebra o luns 1 de xullo unha sesión extraordinaria na que entre os asuntos da orde do día recóllense a aprobación do deslinde co Concello da Laracha e a disolución do Padroado Deportivo Municipal, ademais do visto e prace para o expediente de contratación do subministro enerxético para o municipio ou a aprobación inicial da Ordenanza do exercicio de actividades de apertura de establecementos e realización de obras menores. Hai que lembrar que xuño non contou cunha sesión plenaria ordinaria, xa que o último luns de mes cadrou o día 24, festivo por mor do San Xoán. Ao non celebrarse na data correspondente, decidiuse celebrar unha sesión extraordinaria a primeiros de xullo. Respecto da orde do día, caracterízase especialmente por asuntos de importante calado administrativo. Entre eles, está a disolución e extinción do Padroado Deportivo Municipal que supón, segundo explica o Alcalde, Evencio Ferrero, “unha simplificación da administración”, e proponse para “optimizar esforzos”. Ferrero asegura que esta modificación é simplemente administrativa e non vai supoñer “cambios na concepción da xestión deportiva”. Así, a partir de agora a actividade deportiva será directamente xestionada pola Concellaría de Deporte e o persoal do Padroado incorporarase á RPT (Relación de Postos de Traballo) do Concello. Ademais, os bens do Padroado xa forman parte do Inventario Municipal de Bens.

28 de xuño de 2013 | 18:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.