O Plan RUA chega esta semana ao barrio dos Castros na Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O Concello da Coruña informa de que dende hoxe, mércores, 26 de xuño, e ata o próximo sábado, día 29, o Plan RUA realizará unha actuación integral na zona dos Castros. Durante os próximos catro días esta iniciativa chegará a 14 rúas e prazas, o que supón unha superficie de 22.522 metros cadrados.

Realizaranse distintas actuacións como a limpeza e reparación de 70 colectores e 20 papeleiras; a limpeza duns 800 metros lineais da rede de rede de sumidoiros da zona; ou a reparación de 20 deficiencias en iluminación pública e 50 metros cadrados de pavimentos de beirarrúas. Ademais, levaranse a cabo actuacións de mantemento de xardíns e zonas verdes, do parque infantil, marquesiñas, mupis e semáforos; realizarase o pintado de 8 pasos de peóns e 5 sinais horizontais na calzada; e intervirase no parque de San Diego con actuacións de limpeza da súa fonte e de rexeneración e limpeza da zona de bambús.

No desenvolvemento desta actuación participarán un total de 30 servizos municipais para conseguir espazos máis limpos, sostibles e ordenados coa colaboración dos veciños. Neste sentido, nos días de actuación do Plan RUA realízase a inspección de vehículos abandonados na zona xa que, ao non haber coches nas rúas, facilita o labor de detección.

O Plan RUA permanecerá neste barrio ata o sábado, 29 de xuño, concluíndo así a terceira fase despois do seu paso polo Agra del Orzán, Monte Alto e Zalaeta. Inmediatamente despois, o luns 1 de xullo, comezará a cuarta fase, que se desenvolverá ao longo do próximo mes en Falperra, A Sardiñeira, Cuatro Caminos, Agra del Orzán e Ciudad Vieja.

26 de xuño de 2013 | 18:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.