O obradoiro de emprego Encontro Verde formou na especialidade de xardinería e ofreceu un posto de traballo a 34 persoas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesLocal
A-
A+

O alcalde de Ames, Santiago Amor; o rexedor de Brión, José Luís García, e a directora xeral de Formación e Emprego, Ana María Díaz, clausuraron esta mañá o obradoiro de emprego Encontro Verde, que durante seis meses deu emprego a 34 persoas, entre alumnos e profesores. Ao acto tamén asistiu o concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Bernardo Moar, e a directora do obradoiro de emprego, María del Carmen González, así como varios membros da corporación. Para a realización desta actividade, a Consellería de Traballo e Benestar concedeulle ao Concello de Ames unha subvención de preto de 240.000 euros. Ademais, os concellos de Brión e Ames contribuíron a esta iniciativa con 50.000 euros.

No acto, procedeuse á entrega aos alumnos/as do obradoiro de emprego de diplomas e dos certificados. A especialidade que se impartiu, cunha duración de 960 horas, foi a de Instalación e Mantemento de Xardíns e Zonas Verdes. Os alumnos e alumnas traballaron na recuperación de espazos verdes dos municipios de Ames e Brión, tentando facelos sostibles. O obxectivo deste obradoiro foi cualificar profesionalmente aos participantes e favorecer a súa inserción laboral, mediante a formación e a práctica profesional.

O rexedor amiense, Santiago Amor, felicitou aos alumnos polo traballo realizado ao longo dos últimos seis meses “nos que todos fomos testemuñas do voso esforzo e comprobamos que sabedes traballar en xardinería, dando vida a espazos que non a tiñan, como o viveiro de Barouta”. “Todo este traballo é unha importantísima carta de presentación, que amosa o que sodes capaces de facer grazas á formación recibida neste obradoiro de emprego”, engadiu.

Santiago Amor fixo fincapé na importancia que, neste e noutros eidos, ten a colaboración co Concello de Brión, “sumando esforzos entre todos poderemos loitar contra o desemprego”. Neste sentido, lembrou que esta colaboración segue dando froitos e que hai un mes os dous municipios presentaron unha solicitude conxunta á Consellería de Traballo para poñer en marcha o programa integrado para o emprego InsertAmes-Brión de cara ao período 2013-2014.

Pola súa banda, o concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Bernardo Moar, amosouse satisfeito polos resultados acadados neste obradoiro e subliñou que “é para nós un orgullo saber que hoxe de aquí sae algunha iniciativa empresarial e que a bo seguro sairán novas expectativas no voso futuro”. O edil engadiu que “o Concello de Ames non é indiferente a ese futuro e xa está a traballar na mesma liña con outras actuacións, como por exemplo a formación de máis de 2.500 horas iniciada coa Deputación da Coruña”.

No acto, o alcalde de Brión tamén amosou a súa satisfacción polo desenvolvemento do obradoiro xa que “é importante que dous Concellos de distinto signo político sexamos quen de loitar xuntos contra o paro. Creo que ese é o camiño e espero que poidamos seguir colaborando”. Sobre as actuacións realizadas polos alumnos e alumnas no termo municipal de Brión, Xosé Luís García salientou que “fixeron marabillas no entorno da praza do Concello e, sobre todo, na carballeira de Santa Minia, onde fixeron un traballo que non está á vista pero que era moi necesario”.

Durante a súa intervención, a directora xeral destacou a “triple dimensión” que teñen estas iniciativas mixtas de formación e emprego: melloran a empregabilidade dos participantes cunha formación teórico e práctica de calidade; permiten a realización de actuacións de mellora das dotacións públicas que repercuten na mellora de servizos para toda a cidadanía; e, ao mesmo tempo, promoven a colaboración institucional entre a Xunta e as entidades locais, neste caso, os concellos de Ames e Brión.

A directora xeral fixo fincapé tamén en que estes programas acadan unha alta porcentaxe de inserción laboral posterior, polo que constitúen “unha ferramenta na loita contra o desemprego”. Recordou, ademais, que o alumnado recibe un certificado acreditativo da súa participación neste obradoiro que pode servir, total ou parcialmente, para ser validado por un certificado de profesionalidade, que ten carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.

Actuacións en zonas verdes de Ames e Brión

Durante os últimos seis meses, os alumnos/as do obradoiro traballaron acondicionando diferentes zonas verdes de Ames e Brión. Especialmente significativa foi a súa actuación no viveiro de Barouta, que estaba abandonado desde había varios anos. Entre outras actuacións, no viveiro levaron a cabo tarefas de desbroce e limpeza, preparación do terreo, instalación do sistema de rego, montaxe do invernadoiro, produción de plantas e enxertos.

Os alumnos do Encontro Verde tamén levaron a cabo o acondicionamento dunha parcela municipal en Aldea Nova, onde se encargaron do desbroce e limpeza do terreo, da poda, da instalación de rego por goteo e da realización de infraestruturas sinxelas, como a construción dun caseto. En Bertamiráns, traballaron na zona axardinada do Ameneiral e na Praza de Chavían. En Milladoiro, acondicionaron as zonas verdes da Rúa Anxeriz, da praza de Manuel Murguía ou a zona axardinada do entorno do cuartel da Garda Civil. No rural amiense, levaron a cabo traballos na praia fluvial de Tapia e acondicionaron o entorno do espazo público na parroquia de Piñeiro.

Pola súa banda, no municipio de Brión acondicionouse o entorno da Casa do Concello e o do centro polivalente. Ademais, realizaron a poda na carballeira de Santa Minia, acondicionando toda a zona, e traballaron no entorno da escola infantil de Brión.

27 de xuño de 2013 | 19:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.