O número de empregados do Concello de Ourense reduciuse nun 7% dende xullo de 2007

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

O goberno municipal desminte as manifestacións verquidas pola formación política Democracia Ourensana e recollidas por diversos medios de comunicación, nas que se afirma que “o Concello alcanza os 1.600 empregados”, cunha clara manipulación dos datos e citando un informe do Concello de Ourense, da área delegada de Facenda no que, con datos a maio de 2013, se cifra a relación de persoal municipal en 787 persoas.

O informe recolle, noutro apartado, a relación de persoal adscrito aos principais servicios públicos concesionados, como é a recollida de lixo, a conservación e mantemento de zonas verdes, apoio a familias monoparentais, dependientes, augas ou limpeza de edificios municipais, entre outros. O persoal mecionado non forma parte da plantilla do Concello, senón que depende das empresas que xestionan os servizos.

O mesmo sucede co persoal do Consello Municipal de Deportes, organismo independente e autónomo, que ten unha plantilla de 50 persoas.

Así, o goberno municipal sinala que dende o ano 2007, momento no que o Concello contaba con 846 traballadores, o Concello reduciu a plantilla municipal nun 7%, contando actualmente con 787 traballadores.

Persoal dos centros cívicos

Por outra banda, a concelleira de Benestar Social, Saúde e Igualdade, Marga Martín, referiuse esta mañá, as acusacións verquidas sobre unha suposta “privatización de emprego nos centros cívicos”. A concelleira desmentiu rotundamente este feito, e acusou a Democracia Ourensana de manipular malintencionadamente unha información, xa que están “directamente xestionados polo propio Concello de Ourense”.

A concelleira suliñou que a denuncia sindical que a acusa de “privatizar a xestión dos centros cívicos, impoñendo a persoas que debían ser contratadas e agora plantea continuar esta privatización”, volveu a reiterar a falsedade dos termos, non sendo en ningún caso privatizada a xestión dos servizos públicos municipais, senón tendo que contratar a unha empresa externa para proporcionar “o servizo de conserxe, xa que o Decreto 20/2011 impide a contratación directa”, e “non podemos pechalos porque constitúen un equipamento básico de Servicios Sociais e atenden a máis de 1.000 cidadáns diariamente”.

18 de xuño de 2013 | 15:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.